O goberno español recorre a lei de consultas perante o TC

Após un consello de ministros extraordinario, Rajoy anuncia que o Goberno español presenta recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Consultas e o decreto de convocatoria,.

Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy [Imaxe La Moncloa]

A consulta catalá prevista para o 9 de novembro é ilegal. Así se expresou Mariano Rajoy na súa declaración institucional após o Consello de Ministr@s extraordinario decorrido esta segunda feira na Moncloa. 

O presidente do goberno español anunciou que o seu executivo presentará dous recursos de inscontitucionalidade perante o TC, contra a Lei de consultas aprobada polo Parlament de Catalunya e contra o decreto de convocatoria da consulta por consideraren que ambos os dous instrumentos "atentan gravemente" contra a Constitución de 1978, a xuízo do goberno español.

A admisión dos recursos por parte do Tribunal Constitucional supón a suspensión automática da Lei de consultas e do decreto de convocatoria

O dereito a decidir reside "no conxunto dos españois"

Segundo Rajoy o seu goberno "non pode nen debe facer algo distinto", asegurou, fronte o que tildou dunha privación do "dereito a decidir do conxunto dos españois". Neste senso, o líder do executivo español reiterou en diversas ocasións que "nada nen ninguén" pode "privar a todos os españois do dereito a decidir", para logo asegurar que "a ninguén se lle impide falar nen expresar a súa vontade" algo que, dixo, "levamos facendo desde hai décadas". 

Os recursos de inconstitucionalidade que presentará o goberno español suporán --unha vez sexan tomados en consideración polo TC-- a suspensión da Lei de Consultas e máis do decreto de convocatoria do referendo, durante 5 meses, de acordo co fixado no propio texto constitucional. O Pleno da máxima instancia reunirase ás 19.00h para estudar os recursos rexistrados. Neste senso, a Assemblea Nacional Catalana xa avanzou esta segunda feira que convocarán concentracións perante os concellos cando isto se producir. 

Unha "obriga": "defender a Constitución"

"Hoxe cumprimos coa nosa obriga", enfatizou Rajoy nunha intervención que non sorprendeu nen se saíu da folla de rota marcada polo propio goberno español desde decembro de 2013. Ora ben, o líder do executivo salientou en diversas ocasións durante a leitura do seu discurso que "a Constitución" e "a lei" son "modificábeis". Porén, ha de facerse através das vías que contempla a Carta Magna e non cunha "política de feitos consumados" como a que lle atribuíu á Generalitat de Catalunya. 

No entanto, cando foi inquirido pol@s xornalistas ao remate da súa declaración, Rajoy asegurou que "agora" non é tempo de reformas constitucionais senón de "defender a Constitución" e a "unidade da nación" [España] fronte aquelas comunidades que reclaman o dereito de autodeterminación dos pobos. 

Comentarios