Jorquera: “Feijóo debe ser o primeiro comparecente na Comisión de Investigación”

Francisco Jorquera, candidato á Xunta de Galiza polo BNG, lembrou onte, logo da  denuncia interposta pola Fiscalía contra directivos de Novacaixagalicia, que para alén de investigar a Fiscalía, é preciso “que se constitúa a Comisión de Investigación no Parlamento galego”.

Para o líder nacionalista, é fundamental que se diriman as responsabilidades políticas máis alá das que se depuren  no ámbito xudicial, pois “o PP consentiu que os máximos directivos das caixas continuasen nos seus cargos despois da fusión”; para o que a Xunta de Galiza, reformou a Lei de Caixas co apoio do PSOE.

Así mesmo, Jorquera aseverou que a primeira persoa que debe declarar na Comisión de Investigación é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “pola súa obvia responsabilidade” na bancarización das caixas galegas e na permanencia dos directivos nos máximos órganos de decisión, para alén do que estaba previsto inicialmente na lexislación.

Doutra banda, o candidato nacionalista avaliou a demisión de Mauro Varela, logo das súas polémicas declaracións sobre as preferentes, e dixo ao respecto que “era o mínimo que podía facer despois de terlle faltado ao respecto @s afectad@s”. Así mesmo, Jorquera agarda que Varela, compareza tamén na Comisión de Investigación que se constitúa no Parlamento. Segundo asegurou o presidente da Xunta de Galiza, esta Comisión será creada no mes de setembro, despois de saber cal será a cantidade precisa para a recapitalización de NovaGalicia Banco.

Comentarios