A tese oficial do Estado é que no aeródromo de Rozas todas as actividades son civís. "Unha vez máis o Executivo envía unha contestación que si se axusta á legalidade, pero non á realidade do que está a suceder no aeródromo de Rozas", interpreta Yolanda Dáiz.
Nese sentido, a parlamentar enfatiza que o programa de avións non tripulados que se está a realizar en Rozas depende do Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INGTA) e que este está vinculado directamente ao Ministerio de Defensa.
En Rozas estaría a operar, xa desde febreiro de 2003, o dron Atlante, un aparato definido polo propio fabricante como un UAS (Unmanned Aerial System), o que tornaría este modelo, salienta Díaz, "no primeiro avión non tripulado táctico capaz de realizar misións tanto civís como militares...".
Ten lóxica que o goberno estatal negue que fai un uso militar de Rozas, desde o momento en que o aeródromo recibiu financiamento europeu para a remodelación das súas instalacións (os fondos FEDER non subvencionan o sector de defensa).
Alén do uso militar do aeródromo, a parlamentar de En Marea critica que, embora se vaia investir na súa remodelación un total de 10 millóns de euros, non se criase na terminal "nin un posto de traballo".
Rozas sería sinónimo, pois, de "cero postos de traballo, adxudicacións millonarias a empresas de fóra de Galiza e millóns de euros malgastados".