A XUNTA PREPARA A LEI DE SOLOS DA GALIZA

No Ano Internacional dos Solos, Feijóo continuará coa "desprotección" do chan

A ONU declarou 2015 ano internacional dos solos perante a "degradación" e "desertización" do chan a nivel global. En Galiza a Xunta visa aprobar unha lei que, din as organizacións ecoloxistas, supón a "desprotección" e "desvalorización" do solo. 

shutterstock_92770366-1024x1024
photo_camera [Imaxe FAO]

Coincidindo coa conmemoración do Ano Internacional dos Solos, declarado polas Nacións Unidas, o goberno galego pretende dar luz verde á Lei de Solos de Galiza, unha medida que vén a se sumar ao Plan Director da Rede Natura 2000, a Lei de Ordenación Mineira e mesmo ao Plan sectorial de actividades extractivas. Segundo as organizacións ecoloxistas como Adega e colectivos como Salvemos Cabana, o anteproxecto de lei afonda na "desprotección" e "desvalorización" do chan. 

Desde 1959 a Organización das Nacións Unidas destina un día e un ano a unha causa. O obxectivo da proclamación é convidar os Estados Membros, mais tamén as organizacións internacionais e rexionais, ben como a sociedade civil a prestar atención sobre unha determinada problemática. 

O ano que entra, 2015, a Asemblea xeral da ONU decidiu declaralo ano internacional dos solos observando, di, que estes "constitúen a base do desenvolvemento agrícola, das funcións esenciais dos ecosistemas e da seguridade alimentar e son polo tanto un elemento chave para o mantemento da vida sobre a Terra". 

A ONU lembra na súa declaración que "a sostibilidade do chan é fundamental para afrontar as presións dunha poboación cada vez maior", de maneira que insta a promover un aproveitamento sustentábel dos mesmos debido á "importancia social e económica" que supón "un bon ordenamento da terra". 

A ONU lembra na súa declaración que "a sostibilidade do chan é fundamental para afrontar as presións dunha poboación cada vez maior"

Lei de Solos de Galiza

Así as cousas, no noso país o goberno galego puxo a finais de 2014 en proceso de exposición pública a Lei de Solos de Galiza. Un texto normativo que non conta co apoio das organizacións e colectivos ecoloxistas e que supón, alertan, un chanzo máis na "desprotección" e "desvalorización" do chan, nomeadamente, no rural. 

Embora o presidente da Xunta teña asegurado en diversas ocasións que o anteproxecto de lei deseñado polo seu goberno nace para combater o "feísmo" e "protexer a paisaxe", desde Adega e Salvemos Cabana advirten de que no concreto suprime a blindaxe normativa que até o momento salvagardaba o patrimonio natural galego. 

Minas a ceo aberto en solo rústico

Neste senso, o texto lexislativo outorga á Xunta a capacidade de decidir en última instancia que se pode facer e que non nos espazos protexidos. Segundo recolle a norma, a autorización, por exemplo, de extracción mineira na Rede Natura constituiría unha "excepción" mais podería permitirse de se tratar dunha zona con "potencial mineiro". Así, ampárase no Plan sectorial para a implantación de minas, mesmo a ceo aberto, en solo rústico. 

Mais non só a minaría. O anteproxecto lexislativo abrangue tamén outras actividades entre as que se atopa tamén a acuicultura. A instalación de piscifactorías estará permitida --se así o considerar a Dirección Xeral de Conservación da Natureza-- que requerirá ás empresas un plan que adapte a planta á protección, xestión e ordenación da paisaxe. 

Comentarios