O BNG leva a debate no Parlamento Galego o retraso das obras do Plan Paradai

A proposta dos nacionalistas insta á Xunta a cumprir os compromisos adquiridos na última addenda do Convenio de Paradai nos prazos e orzamentos fixados.
Reunión do BNG cos veciños.
photo_camera Reunión do BNG cos veciños.

O BNG levará ao Parlamento Galego unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galiza a cumprir cos compromisos adquiridos na última addenda do Convenio de Paradai nos prazos e orzamentos fixados. O BNG pretende, a través desta iniciativa, evitar o retraso anunciado polo Conselleiro de Infraestruturas nas tres obras pendentes do Plan Paradai. O goberno do PP pretende agora deixar sen efecto o convenio asinado no ano 2010 co Concello de Lugo e non executar máis de 6 millóns de euros. Para o BNG isto é moi grave “porque os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2012 recollían integramente as cantidades fixadas no convenio para a execución do Plan Paradai (2,2 millóns de euros en 2012; 2,5 millóns o ano que vén e 4,9 millóns en 2014) ”


Segundo o anunciado polo Conselleiro de Infraestruturas a  Xunta pretende  adiar sen data a finalización do Plan Paradai. Mondificariase o convenio asinado, até agora co acordo de Xunta e Concello, para exectuar soamente 3,5 dos 9,7 millóns de euros pendentes ata 2014. Deste modo, só se levaría a cabo, antes do 2014, a construción da Ponte Paradai e a súa conexión coa Serra de Meira. Ficarían sen executar e pendentes da asinatura dun novo convenio co Concello as outras dúas obras, a Estrada das Gándaras e a mellora do tráfico na contorna da Estación de Ferrocarril.

Ficarían sen conexión adecuada coa cidade os barrios das Gándaras e o Sagrado Corazón.

O BNG ve intolerábel a proposta de retraso das obras remitida pola Xunta de Galiza ao Concello de Lugo. Supón a modificación do convenio asinado no seu día entre a Xunta e o Concello e adía a finalización dunhas obras previstas desde o ano 1999, deixando deste modo sen conexión adecuada coa cidade os barrios das Gándaras e o Sagrado Corazón. Para os nacionalistas “esta proposta de retraso amosa a falta de compromiso do goberno galego co Concello de Lugo e, concretamente, cos veciños e veciñas da zona norte que ven, unha vez máis, incumpridas as súas expectativas”

O Plan Paradai
No ano 1999 asinouse un Convenio entre a Xunta de Galiza e o Concello de Lugo, o chamado Plan Paradai, polo que a Consellería de Política Territorial, o IGVS, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo comprometíanse a realizar diversas actuacións urbanísticas e adquirían distintos compromisos para a realización de numerosas obras no ámbito da modificación puntual do PXOU en Paradai. O devandito convenio sufriu varios retrasos na súa execución, xustificados no seu momento e sempre consensuados entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galiza. Agora o Goberno Galego pretende deixar sen efecto o convenio asinado no ano 2010 co Concello e deixar sen executar máis de 6 millóns de euros.

Comentarios