Pontón acusa Feixoo de "imprudencia  temeraria" por recortar en persoal e recursos sanitarios en pandemia

O BNG, dentro do ciclo Parlamento Aberto, analiza con profesionais da saúde a situación da sanidade pública na Galiza e as demandas do persoal diante dos recortes da Xunta. 

Ana Pontón, na xornada de debate con profesionais da sanidade (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, na xornada de debate con profesionais da sanidade (Foto: Nós Diario)

Na xornada de debate transcorrida dentro do ciclo Parlamento Aberto, organizada polo BNG e á que asistiron profesionais do sector sanitario, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, acusou o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, de "imprudencia temeraria" por continuar recortando persoal e recursos sanitarios "en plena pandemia". Nese sentido, alertou de que se está a vivir un incremento de casos preocupante da Covid “e non podemos confiarnos nin baixar a garda”. 

“O virus vai por diante dos Gobernos polo que toda prudencia é pouca", considerou a nacionalista, ao tempo que cualificou de "inexplicábel" que o Goberno de Feixoo “cometa a imprudencia temeraria" de recortar fondos e persoal en sanidade no medio dunha pandemia, e concretamente en Atención Primaria, "a punta de lanza na loita contra a Covid-19".  

Pontón criticou que o Goberno de Feixoo non utilice os fondos extraordinarios do Estado español e da Unión Europea para "fortalecer a sanidade pública" destinando “só unha parte residual” deles a este ámbito. Nos orzamentos para o ano 2022, subliñou, só se dedica 12% a Atención Primaria, “o que nos coloca na cola de todo o Estado, non só non nos aproximamos ao 25% recomendado en todos os estudos, senón que nos afastamos desta cifra", denunciou Pontón.  

Por iso, a nacionalista urxiu unha "auténtica aposta pola Atención Primaria” e pediu “rescatala do colapso en que se atopa". O orzamento para Primaria para 2022, incidiu, é máis baixo que o do ano anterior, "dous millóns de euros menos e 47 menos que no ano 2009”. 

A portavoz nacionalista tamén aludiu á elevada carga de traballo do persoal sanitario cos traballos para a inxección da terceira dose da Covid-19 e a vacina da gripe, o que fai necesario o mantemento de 100% do persoal contratado durante a pandemia porque si falla a Atención Primaria, "o fallo esténdese a todo o sistema", aseverou. 

Aos recortes económicos, Pontón sumou o cambio de modelo que colide cos catro criterios básicos da Atención Primaria, "a proximidade, accesibilidade, relación directa entre profesionais e doentes e a continuidade na asistencia" e culpabilizou do deterioro da Primaria as decisión políticas da Xunta, unha política, dixo, baseada "no desmantelamento da sanidade pública" con  "12 anos continuados de xubilacións das e dos profesionais sen proceder á súa substitución, contratacións precarias, 12 anos de recortes  de recursos económicos, 12 anos de desmantelamento das estruturas directivas, 12 anos negándose a incorporar novos profesionais para garantir unha atención sanitaria integral" e, sobre todo, "12 anos de soberbia sen escoitar as e os profesionais que denuncian esta situación, e que exixen poder traballar en condicións dignas", relatou Pontón. 

“Constatamos como facultativos dos Puntos de Atención Continuada (PAC) mobilizábanse desde hai semanas para denunciar sobrecarga horaria e o abuso, Colexios de Médicos que teñen presentado denuncias polo risco que supón a sobrecarga asistencial e o anuncio do recurso contra o seu sistema de xestión de demanda XIDE·, explicou a nacionalista. 

A situación, remarcou, "é grave, pon en risco a saúde das persoas e é unha falta de respecto a todas e todos os profesionais da sanidade" que nos trasladan a sensación de abandono que senten. Mentres isto acontece, dixo, o "PP  e aproveita a pandemia  para acelerar a súa política de deterioro da sanidade pública,  e os orzamentos para o ano 2022 son un claro exemplo". 

 Fortalecer a  Atención Primaria e a saúde mental  

Pontón explicou que no Estado español hai 6 psicólogas e psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, e na Galiza 3,5, "case a metade", e  na Unión Europea 18. Pola  contra, "a Galiza lidera o consumo de psicofármacos en España". 

Os antidepresivos foron en 2017, nun contexto sen Covid-19, o segundo medicamento de maior crecemento na Galiza, arredor de 400.000 galegos e galegas tomaban tranquilizantes e pílulas para durmir e a diferencia do conxunto do Estado, "na Galiza aumentaron os problemas de saúde mental na infancia". 

No ano  2019, "na Galiza había 7.020 persoas  agardando por unha primeira consulta, case o dobre que en 2014". Neste ámbito, "na Galiza faltan orzamentos, medios,  profesionais, e servizos", afirmou. 

Tras dez anos de recortes do Goberno do PP, dixo Ana Pontón, “Feixoo anunciou o ano pasado, en plena campaña electoral, o Plan de Saúde Mental pos Covid-19, cunha dotación de 83 millóns de euros e a creación de 241 novas prazas de profesionais en catro anos que continúa sen ser executado”. 

A portavoz nacionalista considerou necesario reverter a situación e normalizar a Primaria con 100% da presencialidade, limitar as consultas telefónicas, reabrir os consultorios fechados, aumentar o orzamento a 25% e incorporar categorías para descolapsar as lista de agarda.  

“É preciso”, insistiu, “pór en marcha unha política contra a precariedade e explotación na contratación ofertando contratos dignos e estábeis, para evitar que profesionais marchen para a sanidade privada ou o estranxeiro; e no ámbito da saúde mental "dotar o servizo  con 21 millóns de euros e iniciar un estudo para determinar os efectos da pandemia na saúde mental da poboación”.  

Comentarios