Pontón afirma en Lugo que o BNG "non vai fallar" á hora de "para os pés" a Feixoo e a extrema dereita

Daniel Castro pide á mocidade facer historia co primeiro deputado do BNG por Lugo que pelexará polo futuro da xente nova nesa provincia

bng lugo

Se todas as persoas que votaron o Bloque nas pasadas eleccións municipais e antes nas galegas volven facelo o 23X, a Galiza terá un grupo galego forte para facer valer os seus intereses ante o Estado. Foi a mensaxe que lanzou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin que compartiu este sábado en Lugo canda o candidato Daniel Castro, onde fixo un chamamento a mobilizarse masivamente nas urnas para “cambiar poñer a Galiza no centro e frear a involución”.    

“Pídolle a todas as persoas que votaron ao BNG nas eleccións galegas e agora nas eleccións municipais que este 23 de xullo volvan confiar no BNG, que volvan encher as urnas de votos ao BNG para ter un grupo galego forte no Congreso, porque co voto que tivo o BNG tanto nas autonómicas como nas locais,a  Galiza terá un grupo forte e orgullosamente galego en Madrid tamén con escano polas catro provincias”, recalcou a líder nacionalista.

Neste sentido, Pontón apelou así a concentrar no Bloque todo o voto “de país, rebelde e inconformista”, para acadar ese grupo forte con deputados e deputadas por Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, provincias nas lle está a disputar escanos ao PP. “Cada escano máis para o BNG é un menos para Núñez Feixoo e a súa alianza con esa extrema dereita antigalega”, afirmou. E incidiu en que na Galiza, “a alternativa real ao PP é o BNG”.

A líder nacionalista aproveitou o mitin en Lugo para destacar a especial necesidade de darlle unha “voz forte e potente” á Galiza interior e facerlle fronte á discriminación histórica por parte das forzas estatais que fan que as infraestruturas prometidas “durman o sono dos xustos”, como sucede no caso da autovía da Mariña eternamente prometida que agora en campaña volven anunciar, ou a autovía entre Lugo e Santiago, sen rematar trinta anos despois do seu inicio. “Un pitorreo e unha falta de respecto”, dixo.

Por contra, destacou, o BNG é a única forza coas “mans libres” para defender os intereses dos galegos e das galegas ante o Goberno do Estado, e fronte a unhas forzas estatais “que din unha cousa aquí e fan a contraria en Madrid”, criticou,  “non imos fallar nin na defensa da Galiza en Madrid nin á hora de pararlle os pés a Feijóo e o seu aliado da extrema dereita racista, machista e antigalega”.

O cabeza de cartel por Lugo. Dani Castro, puxo os exemplos da discriminación para con esta provincia. No caso de Lugo, referiuse ao que chamou os “tres A”. O primeiro, a A-6, sobre a que preguntou: “Que pasaría se o viaduto caese nunha das entradas principais a Madrid”?. A segunda, a eternamente inacabada autovía A54 entre Lugo e Santiago. E a terceira, a A74, “a autovía na Mariña que levan prometendo desde que era una neno”, recalcou.

Por iso, Castro convidou a votar masivamente BNG este 23 de xullo “para acabar coa discriminación das forzas estatais coa nosa provincia e para facer historia dándolle a Lugo o primeiro deputado do Bloque. “Tendes a miña palabra, vou colocar os problemas de Lugo no centro do debate no Congreso”, dixo no Instituto Politécnico da Cidade das Murallas, a onde se tivo que trasladar o acto por culpa do mal tempo.

O candidato por Lugo fixo unha apelación directa á mocidade, que paga un prezo moi alto, expuxo,  pola discriminación do PP e do PSOE en Madrid: “Cada vez temos máis difícil emanciparnos e facer os nosos proxectos de vida, porque a maior parte da xente nova soporta precariedade e baixos salarios”.

Comentarios