Pontón aposta desde Ferrol pola rehabilitación para solucionar "os graves problemas de vivenda"

A portavoz nacionalista visitou o barrio da Magdalena con varios dos integrantes da lista do BNG na cidade naval.

Ana Pontón pasea polo centro de Ferrol xunto o candidato do BNG á Alcaldía na cidade naval, Iván Ribas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón pasea polo centro de Ferrol xunto o candidato do BNG á Alcaldía na cidade naval, Iván Ribas. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avogou por "apostar dunha maneira decidida por recuperar e rehabilitar" inmóbeis para dar solución aos "graves problemas" que padece "moita xente" á hora de acceder a unha vivenda "nunhas condicións que non produzan asfixia".

A líder nacionalista atendeu aos medios após realizar un breve paseo esta sexta feira polo barrio ferrolán da Magdalena en compañía dos integrantes da lista electoral do BNG das próximas eleccións municipais e co candidato á Alcaldía, Iván Ribas, á cabeza.

Pontón incidiu en que é preciso achegar solucións en materia de vivenda, xa que os prezos dos alugueres "non deixan de subir" e as persoas hipotecadas deben afrontar subas continuas dos tipos de interese.

Fronte a isto, o BNG propón apostar pola rehabilitación de inmóbeis para "dar máis posibilidades de acceso a unha vivenda digna", especialmente aos máis novos, e, ademais, transformar as cidades para "recuperar" os espazos urbanos "para as persoas".

Neste sentido, Pontón censurou a política de vivenda do Goberno galego. "O Partido Popular dinamitou a política social de vivenda, cun presidente da Xunta da Galiza, o señor Rueda, que agora di que vai facer en dous anos o que non fixo en 14", aseverou.

1.000 vivendas municipais

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol, Iván Ribas, alertou que existe "un evidente déficit de vivenda pública" que podería ser atallado na cidade naval a través da mobilización de 1.000 vivendas públicas que son propiedade municipal.

Estas vivendas, segundo Ribas, necesitan "mellorar as súas condicións de habitabilidade e funcionalidade" para dotalas de "un uso diverso e plural, adaptado ás necesidades que teñan os demandantes", entre os que citou "estudantes, familias e traballadores".

 

Comentarios