23-X

Pontón chama a coller a papeleta do BNG e "non votar con medo nin polo mal menor"

O Bloque pide o voto alegando que, con base nas enquisas, "disputa escanos ao PP en todas as provincias".
Ana Pontón e Néstor Rego desprazáronse até As Pontes para pedir un "grupo galego forte" no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Néstor Rego desprazáronse até As Pontes para pedir un "grupo galego forte" no Congreso. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, arrincou nas Pontes (comarca do Eume) a última semana desta nova carreira cara ás urnas. Cinco días nos que apoiará os candidatos e candidatas nacionalistas nas principais urbes galegas antes de fechar a axenda de campaña esta sexta feira na Coruña. Na intervención de hoxe, a dirixente nacionalista salientou que o Bloque "disputa escanos ao PP en todas as provincias", polo que avisou de que "non é o momento do medo nin de votar polo mal menor", senón que, dixo, "é o momento de votar con ilusión, con forza e ganas" coa papeleta da súa formación na man.

Pontón incidiu en que a do BNG é a papeleta "da defensa dos intereses da Galiza" e servirá, incidiu, para "pór fin ao centralismo" e impulsar "unha transición xusta" nas Pontes, desde onde interveu. É a papeleta "que dá poder aos galegos para facerse valer en Madrid", reiterou, reivindicando que "é o momento" de "concentrar todo o voto rebelde, inconformista, todo o voto das persoas que están fartas de ver que consideran aos galegos cidadáns de segunda". "A papeleta do BNG non quere privilexios, quere xustiza e dignidade para os galegos; para iso serve a papeleta do BNG", engadiu.

Na súa intervención, a portavoz nacional ironizou sobre os "predicadores do non", os que "pregoan que non é posíbel ter un grupo galego forte no Congreso". "Son os mesmos que dicían que non había alternativa ao PP e hoxe é o BNG o que lle disputa a Presidencia na Galiza; os mesmos que dicían que non iamos ser a forza que máis incrementase a súa representación nas municipais e aí temos un 30% máis de concelleiros por todo o país; os mesmos que dicían que non iamos facer historia en Compostela e aí estamos, cunha alcaldesa do BNG liderando o goberno da capital do país", salientou.

Ana Pontón: "Non é que vascos e cataláns sexan máis hábiles ou teñan unha mellor estratexia negociadora; o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes e usan esa forza para facerse valer. É o que quere facer o BNG"

Ana Pontón augurou que a forza nacionalista "vai volver gañar aos do 'si', que é posíbel ter un grupo galego forte no Congreso". "Abonda con que todas as persoas que votaron Bloque nas pasadas eleccións galegas e agora nas municipais volvan confiar en nós este 23 de xullo, con esa confianza imos ter un grupo galego forte con deputados por todas as provincias", insistiu. Non en balde, salientou que "moitas veces escóitase eloxiar o papel de vascos e cataláns no Congreso", condicionando a política do Estado para mellorar a vida dos seus pobos. "Non é que sexan máis hábiles, nin que teñan unha mellor estratexia negociadora; o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes e usan esa forza para facerse valer. É o que quere facer o BNG, non para conseguir privilexios, senón para un trato xusto coa Galiza e para acabar coa discriminación do bipartidismo de sempre", alegou.

Nesta liña, afirmou que "un só deputado do BNG [Néstor Rego] foi máis útil para Galiza que os 22 restantes". "Imaxinade o que podemos facer cun grupo galego forte!", apelou a dirixente nacionalista, quen salientou que no país "a alternativa real ao PP é o BNG, ao que lle disputa escanos nas catro provincias". "Cada escano máis do BNG é un menos do PP", asegurou Pontón, quen fixo un chamamento á mobilización porque "Galiza xógase moito, xógase ter unha voz potente que defenda os nosos intereses alí onde se toman as decisións que nos afectan directamente".

Néstor Rego: "Daremos o mellor de nós para defender Galiza e frear á dereita, todo iso sen deixar de aplicar e practicar unha exixencia máxima na defensa do país"

No mitin, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, fixo fincapé na “urxencia” de que Galiza conte con "máis forza" no Congreso para "darlle voz e defender os intereses do país", e mencionou cuestións como a tarifa eléctrica galega e "frear o espolio eólico para pór sobre a mesa un modelo enerxético xusto a favor da maioría social". "Precisamos un grupo galego forte que defenda os dereitos do noso país, como unha tarifa que abarate a factura da luz ás familias, á clase traballadora e ás empresas, que nos compense polos custos ambientais e sociais de producir electricidade", indicou a modo de exemplo precisamente nun concello, As Pontes, "especialmente impactado por un deseño enerxético que nos penaliza pese a ser ricos en electricidade", dixo.

Fronte aos deputados e deputadas "que van a Madrid en representación do pobo galego e logo votan o que lles mandan os seus partidos con sede en Madrid, aínda que iso nos prexudique", advertiu, os do BNG "son garantía".  "Daremos o mellor de nós para defender Galiza e frear á dereita, todo iso sen deixar de aplicar e practicar unha exixencia máxima na defensa do país", como se demostrou, asegurou, ao longo desta lexislatura: "Cando o BNG foi determinante, Galiza gañou; e iso non é unha opinión, son datos e cifras que se constatan nos orzamentos do Estado", concluíu.

Comentarios