18-F

Pontón conxúrase contra os ataques: "Nós imos seguir coa nosa campaña de ideas e en positivo"

"Eu vou a todos os debates aos que me convocan, non teño nada que esconder. Con todo, xa vemos neste país que a quen máis esconden é ao candidato do PP", lamenta a candidata do BNG.
Ana Pontón, hoxe, en rolda de prensa en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, nunha rolda de prensa en Santiago. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, aproveitou a súa intervención nun acto con mulleres para lanzar unha mensaxe a poucas horas de que finalice a carreira cara ás urnas e de que chegue a xornada de reflexión, e tras intensificarse os ataques políticos contra a formación nacionalista e contra ela mesma.

"Estamos a piques de facer historia; se as mulleres votan ao BNG, o cambio será imparábel", remarcou Pontón, quen dixo que o Bloque seguirá coa súa campaña de "ideas, en positivo". "Imos seguir coa nosa campaña, de ideas e en positivo, para que Galiza avance", afirmou Pontón, quen tamén defendeu que ela, ao contrario que o candidato do PP, Alfonso Rueda, acode aos debates aos que a convocan.

"Eu vou a todos os debates aos que me convocan, non teño nada que esconder. Con todo, xa vemos neste país que a quen máis esconden é ao candidato do PP. A sensación que dá é que saben que non teñen balance, que non é defendíbel, que non teñen proxecto", afirmou Pontón, quen concluíu que, cando pasa isto, "o mellor é esconderse".

Contra unha das críticas das últimas horas respondeu, sen aludir a ela, durante o debate en TVE na noite desta cuarta feira, na que Rueda foi o "candidato ausente" ao non comparecer nin el nin ningún membro do seu partido. Así, tras publicacións e acusacións de que o BNG quere "botar" á Garda Civil do país, Pontón, no debate, no marco do bloque sobre goberno e pactos, referiuse á transferencia de tráfico.

Esta transferencia chegou a ser reclamada por unanimidade do Parlamento autonómico —incluído o PP cando estaba na oposición—, pero logo decaeu cando se debateu no Congreso —co voto en contra do PSOE e a abstención do PP en Madrid—. Do consenso na Galiza descolgáronse os populares en xuño de 2021.

Así, Pontón defendeu esta transferencia, xustificada para poder, logo, crear unha "policía propia", que "ten toda a razón de ser" nun dos territorios con máis sinistralidade e que permitiría tamén que "moitos gardas civís que están fóra do país poidan volver á Galiza", xa que a proposta inclúe a integración destes funcionarios nese novo corpo na Galiza, que conta con Policía Autonómica adscrita á Policía Nacional con labores en materias como a violencia de xénero, menores e furtivismo.

Comentarios