28-M

Pontón e Sanmartín piden desde Compostela "concentrar o voto no BNG para lograr o cambio"

O BNG explicou a súa alternativa turística para a cidade que a candidata definiu como un modelo de turismo consciente, sustentábel, de calidade e inclusivo.
Pontón e Sanmartín esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pontón e Sanmartín esta terza feira en Compostela (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou xunto coa candidata á Alcaldía en Compostela, Goretti Sanmartín, o modelo turístico que o BNG ten para Santiago apostando pola calidade e polo feito diferencial de ser a capital da Galiza nun acto no que a líder do Bloque “deixou claro que o 28-M só hai dúas alternativas, PP ou BNG”. Por iso, convidou todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Compostela a concentrar o voto na que, está convencida, “será a próxima alcaldesa desta cidade”.

“Porque hoxe só hai dúas alternativas: BNG ou PP, facer historia e que Santiago teña por primeira vez unha muller alcaldesa liderando a cidade, ou volver a un PP cuxo paso polo goberno municipal foi letal para Compostela”, sintetizou Pontón, que se mostrou segura de que hai unha maioría de veciños e veciñas que queren “unha alcaldesa que ten o seu corazón nesta cidade, con liderado, con capacidade con e enerxía para enfrontar os retos que Santiago ten por diante”.

Por iso, Pontón fixo un chamamento a toda a veciñanza que quere un cambio real “a concentrar todo o voto no BNG, sumar todo o voto de cambio real na candidatura que encabeza Sanmartín porque representa a alternativa para darlle futuro a esta cidade”.

“Dicirlles a todas esas persoas que queren abrir un tempo novo en Santiago que a súa opción é Goretti, a alcaldesa que esta cidade necesita para saír da rutina e volver a ilusionarse cun futuro mellor”, reiterou, ao tempo que facía unha apelación directa ás veciñas e veciños que xa votaron BNG nas pasada eleccións galegas.

No acto, o BNG explicou a súa alternativa turística para a cidade que a candidata definiu como un modelo de turismo consciente, sustentábel, de calidade e inclusivo.

“Precisamos dun turismo de maior valor engadido e menos impacto para a cidade, que sexa sustentábel, pois é unha das principais fontes de ingreso do noso concello e, por iso, traballaremos por un turismo de calidade que xere postos de traballo con continuidade no tempo, que non deteriore o noso patrimonio nin dane o noso medio, que reverta en pólo en valor difundindo esta riqueza que posuímos”, explicou.

A 'Santiagocard'

Pola súa parte, Sanmartín avoga por crear a SantiagoCard, unha tarxeta que promova visitas a museos, actividades culturais, uso do transporte público e tren turístico.

“Impulsaremos un programa de turismo accesíbel para que as persoas con diversidades funcionais poidan gozar de roteiros, visitas e actividades para coñecer Santiago con guías especializadas e inclusivas, de acordo co asociacionismo e colectivos deste ámbito social”, explicou. Avanzou medidas como sinalizar os monumentos e as rúas da cidade histórica para persoas invidentes, ademais de audio para percibir a descrición da arquitectura.

Sinalou que o BNG está a favor da taxa turística, que debe utilizarse para resolver problemas reais que melloren a propia experiencia turística.

Comentarios