Pontón lamenta que Rueda e Feixoo "reneguen" do galego

A líder da oposición ve o PP en contra "do sentir maioritario".
Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o “momento histórico” que se viviu na terza feira no Congreso, coa aprobación da oficialidade do galego na Cámara Baixa, “un feito que encheu de orgullo a inmensa maioría dos galegos e das galegas, falen a lingua que falen”. Un sentimento de orgullo maioritariamente compartido que tivo dúas grandes excepcións, dixo: Núñez Feixoo e Alfonso Rueda.

"Ver o señor Feixoo, 13 anos presidente da Xunta, e ver o señor Rueda, actual presidente, votar en contra do noso idioma -primeiro no Parlamento galego e despois no do Estado-, é unha deshonra. Están no lado errado da historia”, salientou.

A líder da oposición lamentou que en lugar de defender e de sentir orgullo do galego, “optaron por renegar da lingua que nos une a todos e a todas".  Pontón reivindicou o papel do BNG no logro histórico logrado no Congreso, onde a formación nacionalista leva décadas defendendo e traballando para facer posíbel o uso das linguais oficiais nesta Cámara.

"Canelo"

A oficialidade do galego no Congreso español seguiu esta cuarta feira a dar que falar. A secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, dixo que o PP "ama" o galego e que "non" consideran que falalo sexa "facer o canelo". Con todo, Prado evitou criticar o portavoz do PP estatal, Borja Sémper, por usar esta expresión, e dixo que a oficialidade quere "tapar cousas".

Ademais, o deputado do PSOE José Manuel Gómez Besteiro, o primeiro en utilizar o galego no arranque do debate da norma que permite que se usen as linguas oficiais no Congreso, desvinculou a súa designación para esa función coa promoción da súa candidatura para as eleccións galegas. Por último, a vicepresidenta segunda do Goberno español en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz, explicou que ela utilizará o castelán no Congreso e o galego só se a interpelan nesa lingua.

Comentarios