Pontón liga o cambio na Galiza a ‘unir no BNG’ todo o voto progresista

Ana Pontón vincula o cambio político na Galiza a unir o voto progresista no BNG. A dirixente nacionalista destaca a fortaleza da súa organización para dirixir o proceso de mudanza.

PONTÓN MANIFESTACIÓN PALESTINA
photo_camera Ana Pontón, con Goretti Sanmartín, durante a marcha en solidariedade con Palestina deste domingo. (Foto: Nós Diario).

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou esta mañá, a preguntas dos xornalistas, desde a marcha en solidariedade con Palestina que “no BNG estamos preparados e preparadas para liderar o Goberno do cambio".

Pontón cualificou os próximos comicios galegos como "as eleccións máis importantes nestas últimas décadas". Neste sentido, destacou a "posición forte que ten o Bloque neste momento”, na súa condición de primeira forza da oposición.

A dirixente nacionalista sinalou que o "o cambio pasa por unir no BNG a todas as persoas que queren que neste país se produza un cambio de Goberno”. Nesta liña, faise eco do temor de moitos analistas a que unha dispersión do voto no espazo da esquerda poida favorecer a continuidade do PP na Xunta da Galiza.

A candidata do BNG á Presidencia do Goberno galego explicou que a formación nacionalista está traballando "con toda a seriedade e con todo o rigor" desde o dobre  convicción de que o cambio é posíbel e "de que seremos capaces de pór en marcha a Galiza que queremos e soñamos" en canto se convoquen as eleccións.

As enquisas avanzan cambio

A portavoz nacionalista lembrou que as enquisas avanzan unha caída na intención de voto do Partido Popular. A este respecto, asegurou o PP "está baixando neste país", na liña do sinalado polas últimas sondaxes coñecidas.

Pontón afirmou que “hai un cansazo moi grande cun Goberno do PP que nos deixa unha Galiza peor que a que atopou e a cidadanía galega sabe que a alternativa pasa porque o BNG lidere ese cambio".

A responsábel do BNG indicou “que a maioría da sociedade quere cambio" e apostou  por "traducir as sas ganas de cambio en apoio electoral". Neste punto, concluíu que "estámonos xogando o futuro da nosa sanidade, da nosa educación, do noso territorio e tamén do modelo de desenvolvemento e do papel que Galiza quere xogar".

Comentarios