18-F

Pontón pide "unha oportunidade" e apela a quen dubidan a apoiar "o cambio": "Chegou o momento de gañar"

"Se o 18 de febreiro todas as persoas que queren abrir un tempo novo votan BNG, haberá cambio e haberá presidenta", salienta a candidata do BNG.
Foto de familia de todos os candidatos e candidatas do BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Foto de familia de todos os candidatos e candidatas do BNG. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Xunta da Galiza, Ana Pontón, fixo esta sexta feira un último chamamento a todas as persoas que están aínda indecisas para que acudan ás urnas e "concentren" o voto arredor da papeleta do Bloque, unha papeleta que exhibiron esta sexta feira os 75 candidatos e candidatas reunidas na compostelá praza de Feixoo. "Chegou o momento de gañar", proclamou Pontón.

Após mostrarse "orgullosa" da campaña realizada polo BNG, de "ideas e de alternativas", apelou a abrir "un tempo novo" votando "a papeleta do cambio, que é o BNG". "Por iso quero pedir a todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen nas outras eleccións, que collan a papeleta da defensa da sanidade, dun mellor ensino público, das políticas de vivendas ou a do dereito a unha vellez digna".

Pontón insistiu na idea de que "hai moitas formas de sentirse galego e todas son necesarias para o cambio". "Que me dean a oportunidade de demostralo para mellorar as súas vidas", proclamou, dirixíndose a "todos os que dubidan" e tras o que puxo o acento en que durante esta campaña viron "como crecía a ilusión e a esperanza".

"Se o 18 de febreiro todas as persoas que queren abrir un tempo novo votan BNG, haberá cambio e haberá presidenta", salientou, nunha chamada a ser partícipes "da historia" logo de 43 anos con seis presidentes homes, "de todas as forzas estatais". A líder nacionalista apelou a "facer historia coa primeira presidenta con mans libres". "Vou pór sempre os intereses dos galegos por diante para que este país non sexa máis que ninguén, pero tampouco menos", dixo.

A mobilización, "clave"

Pontón sinalou que é "clave" que "todo o voto que quere cambio se mobilice". "Non pode perderse ningún voto do cambio, temos que unilo na forza que está a disputar a Presidencia", incidiu a candidata do BNG, quen asegurou que as eleccións van decidirse por "un puñado de votos", e terá que decidirse entre "unha presidenta que se apelida Rueda ou Pontón". "Un goberno que nos fai perder ou un goberno liderado polo BNG para que gañen os galegos", salientou.

"Cada voto vai ser determinante, votasen o que votasen noutras eleccións ou aínda que non acudisen ás urnas, que o fagan este 18 de febreiro, que apoien a miña candidatura", salientou Pontón, quen pediu "abrir as xanelas e portas da Xunta". "Hai que rexenerar este país e un gran cambio que signifique pór ás persoas no centro da política e que non se esconda, que mire aos ollos deste país", enxalzou.

Campaña

No acto de hoxe, previo ao mitin-festa de feche que as nacionalistas programaron no Mulitusos do Sar en Santiago de Compostela, Ana Pontón tamén tivo palabras de agradecemento para todos os candidatos e candidatas polo esforzo destes días, para o equipo de campaña e para todo o colectivo que conforma a prensa polo seguimento.

Fíxoo nun acto no que se deron cita todos os integrantes da candidatura na compostelá praza de Feixoo con dous obxecto: a papeleta do BNG e unha chapa co lobo con pel de cordeiro que deseñou o PP para atacar as nacionalistas "polas súas relacións con Bildu", que centraron a última fase da campaña electoral. O BNG fixo súa a imaxe e púxoa na solapa para un feche de campaña na que recibiron apoios de diversa índole. Desde o Nobel Adolfo Pérez Esquivel, ao ex presidente de Uruguai José Mujica; a nomes destacados da cultura como a actriz Mabel Rivera ou o actor Antón Durán 'Morris', xunto cun centenar de grupos musicais, o xornalista Ignacio Ramonet, o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos ou a tiktoker Totakeki.

Esta sexta feira tamén o BNG deu a coñecer o manifesto 'Polo Cambio', no que ademais dalgúns dos citados axentes culturais, están presentes destacados nomes como a gaiteira Mercedes Peón, o poeta Lua Mosqueteira, a escritora Berta Dávila, o cantante Mondra, as actrices Beatriz Campos e Melania Cruz e o cineasta Alfonso Zarauza.

Tamén foi unha campaña de reconciliación interna, na que Pontón logrou un feche de filas ao redor da súa figura, tanto con militantes e simpatizantes críticos ou separados da liña que seguía o BNG como da pata nacionalista que se escindiu en 2012, a Anova de Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, que selou o reencontro este mes de xaneiro.

Ademais do "simbolismo" do apoio dos 'irmandiños', esta campaña que tivo un forte apoio en redes sociais con todos os candidatos e chegando a un público máis novo que, nalgúns casos é a primeira vez que votan, tamén deixou outras instantáneas, unha delas, a última publicada por Ana Pontón coa ex conselleira Teresa Táboas en Pontevedra, compartindo impresións e un café xuntas.

Tamén foi a campaña de varios mitins do que fora vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e de que alcaldes como o de Sada, Benito Portela (ex do BNG e agora de Sadamaioría), compartise unha repartición de propaganda tamén xunto ao ex deputado de En Marea (por Anova) Antón Sánchez e mais a aspirante a presidenta.

Comentarios