Pontón reivindica na mensaxe de fin de ano “o optimismo dunha Galiza que o ten todo para saír adiante”

A portavoz nacionalista traslada o seu recoñecemento aos galegos e galegas "que sacan adiante os seus proxectos persoais, empresariais, as súas ideas, que sacan adiante as súas familias sen renderse. Sodes un exemplo".

Pontón mensaxe d efin de ano

A punto de finalizar o ano, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu dirixirse ós galegos e ás galegas cunha mensaxe de fin de ano na que fai un chamamento á confianza e ao optimismo nun momento en que os datos da pandemia son motivo de preocupación.

"Temos por diante unha situación complexa, mais non nos desanimemos, imos saír adiante e imos facelo grazas ao voso comportamento exemplar e a vosa xenerosidade. Para min é un orgullo ver como seguides afrontando esta pandemia, sodes un espello no que mirarme, un exemplo a seguir e agardo estar a vosa altura", destaca na súa alocución.

A líder do BNG empeza o seu discurso resaltando a aportación e o esforzo do persoal do sistema público de saúde e dos investigadores e investigadoras. "Grazas aos profesionais da sanidade que nos coidaron e nos coidan, e grazas aos científicos e científicas porque nos deron o escudo protector da vacina”.

Tras os agradecementos, Pontón fai unha chamada á confianza e ao optimismo. "Temos que ser optimistas porque estou segura que imos saír adiante", afirma a líder nacionalista.

"O optimismo nace de todos e de todas as galegas que con gran esforzo sacan adiante os seus proxectos persoais, empresarias, as súa ideas, que sacan adiante as súas familias sen renderse; o optimismo da mocidade que loita por un futuro mellor e que ademais nos recorda que temos que coidar o planeta;  a esperanza e o optimismo das mulleres que enchemos prazas e rúas porque queremos vivir nunha Galiza con igualdade; o optimismo que nace dos e das traballadoras que nos demostran que temos un gran tecido produtivo, desas pequenas e medianas empresas que asombran cos seus proxectos innovadores", enumerou na súa mensaxe.

"En definitiva, o optimismo dunha Galiza que o ten todo para saír adiante, porque somos un pobo honesto, traballador e xeneroso. É un momento para ter confianza e optimismo porque temos todo por gañar. Feliz 2022", conclúe Ana Pontón a súa mensaxe de fin de ano ós galegos e ás galegas, gravada no Parlamento ante unha obra de Quintana Martelo.

Comentarios