Pontón subliña a "capacidade transformadora" do BNG desde Pontevedra

Na presentación da candidatura Ana Pontón asegurou que o proxecto nacionalista ten "solvencia demostrada". 

Ana Pontón_Soliño
photo_camera Ana Pontón [Imaxe Xaquín Soliño]

Esta segunda feira (8 de agosto) o BNG presentou a súa candidatura ás eleccións do 25 de setembro pola circunscrición de Pontevedra e fíxoo na propia cidade do Lérez onde goberna desde 1999. 

Na súa intervención a candidata á Xunta de Galiza, Ana Pontón, acompañada por Luís Bará, cabeza de lista nesta circunscrición, e demais integrantes da candidatura, asegurou que a organización frontista posúe un "proxecto de país" e unha "candidatura de futuro". 

O BNG, subliñou, constitúe unha "alternativa de presente e de futuro" con "solvencia demostrada" e "capacidade transformadora" para "construír a Galiza que queremos". 

Pola súa banda, o candidato pola circunscrición de Pontevedra, Luís Bará, puxo en valor a "experiencia, honradez e  capacidade de traballo" das persoas que integran a lista electoral. “Non é tempo nin de improvisacións nin experimentos” senón dun proxecto “serio, solvente, sólido e coa experiencia demostrada polo BNG en gobernos municipais como o de Pontevedra”, defendeu Bará. 

Comentarios