O PP aproba en solitario tramitar unha nova Lei de Pesca Continental

A nova norma mudará a regulación da pesca fluvial despois de 30 anos. Nacionalistas e socialista consideran que "desprotexe os ríos".
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (Nós Diario)
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (Nós Diario)

A futura Lei de Pesca Continental da Galiza, que cambiará a regulación da pesca fluvial despois de 30 anos e inclúe novidades como a creación das escolas de río, iniciou esta terza feira a súa tramitación parlamentaria co rexeitamento das emendas á devolución presentadas polo BNG e o PSOE. Esta practica conta, na actualidade, con 150.000 permisos ao ano e 160 xornadas hábiles. 

No debate da totalidade durante o pleno da Cámara, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, destacou que "este instrumento está chamado a ser o terceiro alicerce do marco normativo da Comunidade galega" coa intención de "velar pola protección e conservación do patrimonio natural da Galiza".

En cambio, tanto nacionalistas como socialistas presentaron senllas emendas de devolución ao considerar que o texto é "innecesario", que "desprotexe" aos ríos e "empeora" a actual lexislación, unhas iniciativas que foron rexeitadas polo grupo maioritario. 

Rexeitamento por parte do BNG e PSOE

Os dous grupos da oposición presentaron senllas emendas de devolución do texto que non saíron adiante ao ser rexeitadas polo PP. O deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', instou a retirada do documento porque representa unha "amnistía encuberta" para os titulares dos aproveitamentos hidráulicos que "levan anos causando graves danos nos ríos galegos" e "facendo caso omiso á obrigatoriedade de estabelecer dispositivos de remonte que permitan as migracións dos peixes".

O nacionalista afirmou que o texto do PP é "unha temeridade" e parte dun "erro" ao considerar que as augas continentais galegas e os seus ecosistemas gozan de boa saúde. Isto, dixo, "é unha falsidade". 

Pola súa banda, o deputado socialista Pablo Arangüena enmarcou na "necesidade compulsiva" da Xunta de "facer que fai" o feito de levar á Cámara un texto cunha calidade lexislativa que, na súa opinión, "tende á baixa" e que considerou "innecesario". Entende que "o problema non é a lei de 1992, senón a omisión constante da Xunta das súas competencias, como sancionar e impedir as agresións aos ríos", manifestou o socialista, que lamentou o "descoñecemento" dos integrantes do Goberno galego da pesca fluvial. 

A única defensa do texto veu da deputada popular Marisol Díaz, que afirmou que esta nova lei dotará a Galiza dun "instrumento que garanta a conciliación da práctica deportiva da pesca coa conservación da natureza”.

Comentarios