Quen son as persoas favoritas para facerse coa Presidencia do Congreso

Sexan cales foren as caras -xa dixo Meritxell Batet que non repetiría-, a chave da presidencia e, polo tanto, da maioría no órgano de goberno do pleno está nas mans dos sete deputados de Junts.
Patxi López, Cuca Gamarra, Félix Bolaños e Esteban González Pons (Fotos: Europa Press).
photo_camera Patxi López, Cuca Gamarra, Félix Bolaños e Esteban González Pons (Fotos: Europa Press).
  1. Patxi López
  2. Cuca Gamarra
  3. Félix Bolaños
  4. Esteban González Pons

A falta de dous días para a constitución do Congreso español, a mesa do pleno segue sendo unha grande incógnita. Nin o PP nin o PSOE fixeron públicos aínda os seus candidatos á Presidencia da Cámara baixa, que é a terceira autoridade do Estado español.

Porén, sexan cales foren as caras -xa dixo Meritxell Batet que non repetiría-, a chave da presidencia e, polo tanto, da maioría no órgano de goberno do pleno está nas mans dos sete deputados de Junts.

“Afrontar unha negociación a través de declaracións públicas non é a nosa opción. […] Paciencia, constancia e perspectiva”, advertiu Carles Puigdemont, quen nos últimos días insistiu en que a súa formación non se dobraría ás presións do PSOE e Sumar. Ambas as partes difundiron publicamente detalles de supostos contactos e negociacións cos líderes de Junts. Algo que se negou tanto en Waterloo como en Barcelona.

Segundo o diario catalán VilaWeb, desde Junts decidirán o sentido da votación na quinta feira, o mesmo día da constitución do Congreso español, concretamente nunha executiva telemática que terá lugar ás oito da mañá. O encontro, así como todo o que rodeou o partido dende o 23-X, estará envolto nun bo manto de segredo. Até o momento, sobre a mesa de reivindicacións, deixou só dúas moi claras para a investidura: a lei de amnistía e o referendo de independencia.

A incerteza do que pasará coa mesa perdurará ata o último momento. A sesión de constitución comezará ás dez da mañá. Se Junts non vota a favor do candidato do PSOE, o PP -previsibelmente co apoio de Vox e UPN- pode ter ao seu alcance a presidencia do congreso e o control da mesa.

Isto non quere dicir necesariamente que Junts dinamite as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez, senón que será un vaso de auga moi fría para as aspiracións dos socialistas.

Así as cousas, estas son as persoas previsibelmente mellor posicionadas para presidiren o Congreso.

Patxi López

Ex lehendakari do Goberno vasco, o deputado socialista é, segundo fontes do seu partido, o mellor posicionado para presidir o Congreso español. Actual secretario de Política Federal do PSOE. Desde xullo de 2022 é portavoz do Grupo Socialista no Congreso.

Cuca Gamarra

Se ben Núñez Feixoo é “celoso” segundo fontes populares á hora de desvelar nomes, estas mesmas fontes apuntan a Cuca Gamarra como posíbel presidenta da Cámara baixa. Desde agosto de 2020 é portavoz do PP no Congreso e desde abril de 2022 é ademais a secretaria xeral do partido.

Félix Bolaños

Outro dos nomes do PSOE que soan para presidir o Congreso é o de Félix Bolaños, home de máxima confianza de Pedro Sánchez. É ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática desde xullo de 2021. Previamente, entre 2018 y 2021, foi secretario xeral de la Presidencia do Goberno español.

Esteban González Pons

Até agora eurodeputado, Pons é unha das persoas que Feixoo recuperou para a súa equipa máis achegada. É vicesecretario de Asuntos Estatais e Internacionais do Partido Popular nomeado precisamente por Feixoo en abril de 2022.

Comentarios