Rajoy, condenado á derrota no primeiro asalto da súa investidura

Primeiro acto da investidura de Rajoy e o resultado está cantado: o PP non pasará dos 170 votos a favor e, portanto, o candidato conservador non será eleito presidente nen esta cuarta nen esta sexta feira. A incógnita é que pasará despois. A ambigüidade de Sánchez dá para pensar en todo tipo de cenarios.

Reunión Rajoy Pedro Sánchez 13 xullo 2016
photo_camera Rajoy e Sánchez, nun dos seus encontros

No primeiro asalto (o debate comeza esta tarde ás 16 h coa intervención de Rajoy sen límite de tempo, os demais portavoces a interviren na sesión de mañá a partir das 9 h), o púxil conservador non ten a menor opción de pasar o rubicón dos 176 votos afirmativos esta cuarta feira ou da maioría simples (máis sies do que nons) a sexta feira. O PSOE ten decidido manter o non e propinar a Rajoy a mesma derrota que sofreu o seu secretario xeral na mini-lexislatura anterior, a mans precisamente do PP e tamén de Podemos e as súas confluencias. O que se ignora é o que ten decidido facer despois a equipa de Sánchez.

Javier Maroto, un dos dirixentes com máis proxección de futuro do PP, esclarecía esta terza feira na antena da SER que para a formación conservadora non existen “liñas vermellas” á hora de negociar co PSOE a viabilización da investidura. Referíase mesmo á hipótese da derrogación da reforma laboral ou a revisión da chamada Lei Mordaza. O PP, veu a dicer, estaría disposto a falar de todo. O PSOE nesta altura do trámite, non. A súa decisión estratéxica é que Rajoy perda o primeiro asalto da investidura.

O discurso do PSOE é que existe maioría conservadora na Cámara, facendo abstracción de que neste momento un abismo -a cuestión nacional- separa PNV e a antiga Convergència da formación liderada por Rajoy

Os portavoces oficiais do PSOE continúan a descargar toda a responsabilidade do bloqueo político na incapacidade do PP para construír unha maioría suficiente no Parlamento. O seu discurso é que existe maioría conservadora na Cámara, facendo abstracción de que neste momento un abismo -a cuestión nacional- separa PNV e a antiga Convergència da formación liderada por Rajoy. E facendo abstracción tamén de que non é posíbel á vez para o PP acordar con Cs e cos independentistas cataláns. O diaño está sempre nos detalles: Cs podería tolerar o acordo co PNV -porque Urkullu non está a acompañar a ofensiva soberanista de Mas-, mais a aritmética é implacábel: a adición non suma, fica nos 175 escanos (137 PP, 32 Cs, 1 CC, 5 PNV). Fai falta un máis. O escano 176 que dá ou quita as maiorías absolutas.

O previsíbel é que Rajoy aproveite a investidura para cargar contra Sánchez e intensificar a presión sobre el, alegando que non é un home de Estado e que persegue só a satisfacción dos seus intereses partidistas. Xogará co fantasma das terceiras eleccións, perspectiva non desexada pola inmensa maioría da opinión pública, e atribuirá a súa eventual inminencia á teimosía do PSOE. Defenderá, canda Rivera, que o pacto PP-Cs apresenta suficientes zonas de acordo co grupo parlamentar socialista como para este poder se abster e desbloquear así o taboleiro político que leva pendurado desde hai 8 meses, petrificado nunha foto fixa que na fraseoloxía parlamentar británica se coñece como hung parliament.

En todo caso, Rajoy deixará claro que a cousa non fica aquí e que, se perde este asalto pola investidura, está disposto a subirse ao ring cantas veces sexa preciso (a partir de hoxe, ten dous meses para voltar a intentalo, de non o conseguir, iríamos a terceiras eleccións).

Sánchez replicará que o eleitorado do PSOE quer ver a este partido na oposición e non nunha alianza que poda viabilizar o mantimento de Rajoy no poder.

Polo lado de Podemos e as confluencias, Iglesias chamará ao PSOE a explorar un goberno alternativo. Entra dentro do perfeitamente posíbel que Sánchez lle veña a dicer ao líder de Podemos algo así como que tarde piaches e lle lembre que se hoxe estamos así é porque na pasada lexislatura os votos do partido morado e o dos seus aliados (tamén os de En Marea) votaron o mesmo que o PP na tamén falida investidura de Pedro Sánchez.

Comentarios