28-M

Rueda contrapón en Guntín a presenza de Feixoo e Sánchez na Galiza, un "arroupado" e outro "pola porta de atrás"

O presidente da Xunta estivo en Guntín, onde acompañou a candidata ás municipais María José Gómez.
Alfonso Rueda e María José Gómez en Guntín (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alfonso Rueda e María José Gómez en Guntín.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este domingo na presentación da candidatura de María José Gómez á alcaldía de Guntín, onde contrapuxo a presenza de Núñez Feixoo, "arroupado", e de Sánchez, "pola posta de atrás", na Galiza.

Sobre a candidata, Rueda asegurou que María José é "unha muller todo terreo que é alcaldesa, mestra, nai e por encima de todo unha namorada de Guntín". Puxo, ademais, ao municipio como exemplo dese "rural galego que, sen perder as súas tradicións e sen renunciar ao seu pasado, sempre mira ao futuro e aposta por mellorar a calidade de vida dos seus veciños".

O presidente do PP galego tamén se referiu á romaría popular organizada polo partido este sábado no Pino. Respecto diso sinalou que "Alberto Núñez Feixoo está sempre arroupado e rodeado de xente cando vén a Galiza, mentres que Pedro Sánchez ten que entrar pola porta de atrás".

Un municipio gandeiro

Nesta liña, pediulle ao presidente do Goberno "máis responsabilidade" cando pensa que Galiza "non merece a pena" e cando "se sorprende de que Núñez Feixoo fose presidente do Goberno galego durante máis dunha década". "Que veña a Galiza e a sitios como Guntín para entendelo e ver o apoio que ten o PP", comentou.

Pola súa banda, a candidata puxo en valor ao seu equipo, que considera "representativo da realidade do municipio" e no que ten un peso importante o sector gandeiro.

Unha presenza que se traslada á lista que encabeza, xa que nove membros, ela incluída, son titulares de explotacións leiteiras.

Neste sentido, afirmou que se trata dunha lista "pensada para gobernar e para traballar por e para Guntín con experiencia, ganas, enerxía, honestidade e humildade".

Comentarios