23-X

Sumar di que empeza a conta atrás para derrotar a Rueda

A formación liderada por Yolanda Díaz repite os 2 escanos obtidos en 2019 por Unidas Podemos, mais perde máis de 30.000 votos a respecto dos obtidos daquela por Unidas Podemos e Más País, hoxe integrados en Sumar.

sumar
photo_camera Verónica Martínez, entre manuel Lago e Marta lois, nun momento da intervención.

Satisfacción onte en Sumar Galiza. Por uns resultados que a nivel estatal que impiden a posibilidade dun Goberno PP-Vox e, tamén, por lograr 2 representantes pola Galiza, os mesmos que obtivera en 2019 Unidas Podemos.

A presidenta de Sumar e cabeza de lista pola circunscrición da Coruña, Marta Lois, afirmou na súa comparecencia que “estamos moi orgullosos dos nosos resultados na Galiza”, indicando que “somos a terceira forza política”.

Para Lois, os resultados deste domingo non só supoñen “a derrota de Núñez Feixoo” mais tamén “o inicio da derrota dos seus herdeiros e do PP na Galiza”. A futura deputada pola Coruña quixo agradecer o traballo “de todas as persoas” que “desde o inicio” apostaron por Sumar e considera que este 23-X “gañou a ilusión, a esperanza e perdeu o medo”.

"Sumar Galiza vai ser determinante para o futuro Goberno do noso país", salientou Marta Lois, quen tamén destacou que a formación que lidera Yolanda Díaz foi "determinante" na mobilización da cidadanía nestes comicios.

Na mesma liña pronunciouse Verónica Martínez, cabeza de lista por Pontevedra, e que tamén logrou ser electa como deputada, que manifestou que os resultados amosan que “Galiza é progresista”. Para Martínez, como Lois, o deste 23-X é “a derrota de Feixoo” ao tempo que consolida Sumar, “o aval do Goberno progresista”.

A deputada electa por Pontevedra destacou que a sociedade quería "gañar dereitos para as traballadoras, para as persoas máis vulnerábeis". "Sabiámolo e agora témolo clarísimo", salientou Martínez, quen se comprometeu a "seguir facendo política útil, mirar cara ao futuro".

Sumar obtivo nestas eleccións estatais 176.000 sufraxios, o que supón 10,9% dos votos. A cifra de votos é inferior á que lograra hai catro anos Unidas Podemos e Más Pais, que actualmente fan parte de Sumar, e que entre ambas as dúas sumaron daquela 211.000 votos. A porcentaxe de apoio lograda naqueles comicios entre UP e Más País foi de 14%, 3 puntos máis que Sumar este domingo.

Sumar foi terceira forza nas cicunscricións da Coruña e Pontevedra, sendo superada polo BNG nas de Ourense e Lugo.

Comentarios