Villares lamenta que durante a época Feijóo se paralizasen as transferencias á Xunta

Feijóo non “cre na autonomía”, afirmou Luís Villares durante a súa estrea como portavoz parlamentar de En Marea. No discurso, enarborou a memoria das Irmandades da Fala e referiuse a elas como “a primeira marea galeguista”.

Villares
photo_camera Luís Villares [Foto: En Marea]

Galeguismo e autonomismo avanzado e entreverado de alusións ás Irmandades da Fala. Chamamento á mobilización social extramuros o Pazo do Hórreo. Eses foron os cartóns de apresentación de Luís Villares no seu primeiro discurso parlamentar, lido en algúns tramos de forma algo atrapallada, sen dúbida os nervos da estrea.

Villares anunciou o voto negativo do seu grupo a Feijóo -un formulismo, ninguén agardaba o contrario-, depois de dicer que os resultados eleitorais do 25S non o absolven dos seus “pecados”, en alusión ao desemprego, á desigualdade, á emigración e “sobre todo á corrupción”, fenómeno que, aduciu, “só comete quen goberna”. 

O portavoz de En Marea admitiu que os 41 escanos do PP garanten “estabilidade parlamentar” a Feijóo, mais esta irá coexistir coa “instabilidade social” decorrente das políticas neoliberais practicadas pola formación conservadora desde o executivo galego.

Foi especialmente incisivo na crítica en materia de autogoberno. O líder conservador, segundo a narrativa do portavoz de En Marea, sería un “mal xestor que non cre na autonomía”, afeou a Feijóo e nese sentido lamentou que os anos do seu goberno teñan sido “os da paralización da transferencia de competencias"

Comentarios