"Todas as persoas que están no Consello das Mareas son persoas inscritas, son persoas leais ao espazo de confluencia, por tanto ningunha traizón pode haber aí", respondeu Villares á cuestión de por que apostou no pacto coas correntes Somos Quen e Queremos Participar no canto de preservar a cohesión da candidatura, Máis Alá, coa que concorreu ás primarias de xaneiro da confluencia.
A candidatura de Villares á portavocía orgánica rachou Máis Alá -non foi respaldada pola dirección de Anova, os sectores críticos de Podemos con Carmen Santos e a Marea Atlántica- e configurou unha nova maioría no seo da Coordenadora (executiva) composta polos villaristas, Somos Quen e Queremos Participar.
Na entrevista, Villares considerou lexítimo o pacto con todas as persoas integrantes da Coordenadora, incluíndo Consuelo Martínez (Cerna), persoa fortemente cuestionada por amplos sectores de Anova e Esquerda Unida á que se atribúe a esgazadura do grupo parlamentar de AGE a pasada lexislatura.
En todo caso, o líder da confluencia advoga por deixar atrás "o tempo do ruído" e defende que "desde xa a mensaxe nidia ten de ser que o que propomos, non o que nós somos internamente".
Villares tamén tivo palabras de agradecimento para o seu principal soporte interno, o líder histórico Xosé Manuel Beiras. "Se Beiras tivese querido asumir a portavocía eu non tiña inconveniente, mais Beiras quería que fose eu. Sempre dixen que non ía desautorizar Beiras, e nunca me ía posicionar contra el, porque foi o primeiro en dar pasos valentes cara á confluencia. Para min continúa a ser a referencia, sentinme arroupado por el en todo momento".
E sobre os reproches formulados contra o proceso por Xulio Ferreiro, Villares considerou que "todas as críticas son lexítimas se se fan con respeito, como foi o caso". "Polotanto, non hai ningún problema. Unha crítica nunca pode supor a perda de lexitimidade, teñen que ser ben saudadas e pouco máis que dicer".