Falece un bombeiro en Vigo tras derrubarse unha parede mentres inspeccionaba o estado dunha vivenda

"Era unha intervención rutineira, en 125 anos nunca pasara nada como isto", lamenta o xefe do servizo de bombeiros

Camión de bombeiros nas inmediacións de onde se derrubou a parede dun inmóbel abandonado e faleceu un bombeiro. (Foto Javier Vázquez Europa Press)
photo_camera Camión de bombeiros nas inmediacións de onde se derrubou a parede dun inmóbel abandonado e faleceu un bombeiro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Un bombeiro de Vigo, que responde as iniciais de Sergio S.D. e tiña 49 anos, veterano do corpo, no que levaba máis de 20 anos, faleceu estes sábado mentres realizaba con outros compañeiros a revisión do estado dun edificio en mal estado no que se alertou de que había un derrubamento na cuberta.

Cando os bombeiros finalizaran a intervención e estaban a notificar o resultado do labor realizado, xusto antes de abandonar a zona, o xefe do servizo de bombeiros local, Guillermo Domínguez, explicou, en declaracións aos medios que "parte da primeira planta veuse abaixo e colleuno".

O servizo de emerxencias do 112 Galiza indicou que foi minutos antes das 11.30 horas cando un particular, que se atopaba co bombeiro e a Policía Local no lugar, deu o aviso de que cedera parte dunha parede do inmóbel, deixando o home ferido de gravidade.

Con todo, o persoal sanitario desprazado até o punto, o número 127 da avenida viguesa de Beiramar, só puideron certificar o falecemento do bombeiro.

"Nunca pasara nada como isto en 125 anos"

Tanto a concelleira responsábel de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, como o xefe de bombeiros, atenderon os medios de comunicación. Domínguez explicou que a intervención tiña un carácter rutineiro, ante avisos polo estado da estrutura de edificios abandonados ou en mal estado.

"Era unha intervención rutineira, que facemos moitas veces en Vigo. Edificios que moitas veces están abandonados, caen as cubertas, cousa que pasou hoxe. Acudiu desde o parque de Coruxo o retén completo —seis efectivos—, visualizouse, comprobouse que había un derrubamento na cuberta, balizouse, e pouco máis podiamos facer que avisar a Urbanismo para que se tomasen as medidas oportunas", relatou.

Restos do edificio derrubado onde morreu un bombeiro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Restos do edificio derrubado onde morreu un bombeiro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Foi cando se deu por finalizada a intervención e se realizou o balizado, mentres se estaba a dar aviso, cando se produciu o derrubamento. O xefe de bombeiros constatou que foi "unha fatalidade" que, lamentabelmente, "levou a vida" dun compañeiro.

Pola súa banda, a edil lamentou o falecemento e trasladou o recoñecemento do Goberno local polo labor do falecido e de todo o servizo de bombeiros.

Dous días de loito oficial

Patricia Rodríguez tamén confirmou que, co alcalde, Abel Caballero, á fronte, o Concello de Vigo decretou dous días de loito oficial, este sábado e domingo, polo sucedido.

O Goberno local traslada o seu pésame á familia do falecido e os seus integrantes suspenderon a súa axenda durante a xornada deste sábado tamén como mostra de pesar.

Tamén o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, trasladou o "sincero afecto e alento" á familia, amigos e compañeiros do bombeiro falecido. "Poden ter a certeza de que a cidade enteira, todas as viguesas e vigueses, estamos con eles, e lamentamos esta morte inxusta ratificando o noso recoñecemento ao servizo absolutamente esencial que prestan os bombeiros en favor da seguridade de todos", manifestou, en declaracións difundidas aos medios.

Así mesmo, remarcou que o BNG espera que nas próximas horas "se avance no total esclarecemento das circunstancias que envolven esta tráxica morte". Respecto diso, avanzou que o BNG pedirá que o Goberno municipal informe "en detalle" das condicións do operativo e da situación urbanística do inmoble.

Igualmente, o PP de Vigo sumouse ao duelo e informou de que suspenderá os actos que tiña previstos para este sábado. Ademais de secundar a decisión do Concello de declarar loito oficial, trasladaron as súas condolencias á súa familia e compañeiros do corpo de bombeiros.

Rueda, Pontón e Besteiro trasladan o seu pesar

Ademais, representantes das principais formacións políticas galegas trasladaron o seu pesar pola morte do bombeiro. "Todo o meu agarimo neste momento tan difícil á familia, amigos e compañeiros de Sergio. Un abrazo enorme", trasladou, no seu perfil da rede social 'X', o presidente da Xunta da Galiza e líder do PP galego, Alfonso Rueda.

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou en 'X' que os nacionalistas lamentan "profundamente" o accidente que "custou a vida a un funcionario público mentres prestaba un servizo esencial á comunidade". "Todo o noso apoio e solidariedade coa familia, amigos e compañeiros de traballo de Sergio nestes momentos tan difíciles e duros", engade.

Pola súa banda, no seu nome e no do socialismo galego, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, transmitiu a súa dor e o seu desexo de acompañar "neste día tan difícil" a familia, amigos e compañeiros do bombeiro falecido en acto de servizo na cidade olívica. "Un forte abrazo", conclúe.

Comentarios