A pesar de que o período de alto risco de lumes non comeza oficialmente até mañá, 1 de xullo, a día de hoxe a Xunta da Galiza carece aínda de estratexia e de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinaren a loita contra os incendios forestais no noso país.
Por iso, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UXT, ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios forestais da Consellaría de Medio Rural, protagonizaron durante a xornada de onte mobilizacións diante da consellería do Medio Rural, desenvolvendo ademais da concentración unha asemblea na que participou todo o persoal empregado público afectado.
Nesta asemblea acordáronse novas medidas de presión e denuncia da "ausencia de estratexias de funcionamento" do servizo de incendios da Consellaría de Medio Rural co persoal que coordina e xestiona a defensa contra os incendios forestais da Galiza.
Cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 "desfasado polos cambios na Consellaría, distribución de persoal e as condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais", as organizacións sindicais sosteñen que non está asegurada "a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais".
Este acordo foi denunciado por CIG, CCOO, CSIF e UXT o 30 de agosto de 2019, despois de tentar a súa modificación desde maio de 2018, xa que "contradí varios preceptos da normativa laboral", polo que reclaman con urxencia a sinatura dun novo acordo.