Un preacordo con melloras cancela o conflito das ambulancias

O pacto contempla a posibilidade de solicitar persoal de apoio, titulación adecuada para a UVI e o compromiso de realizar "os mantementos, as limpezas e as desinfeccións das ambulancias e dos equipos de traballo conforme obriga a lei".
Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).

A CIG cancelou esta cuarta feira as protestas e folgas que tiña previstas a partir desta semana no servizo de transporte sanitario non urxente da área de Santiago-O Barbanza, despois de asinar un preacordo con Ambulancias Casabranca, unha das integrantes unión temporal de empresas (UTE) concesionaria.

Segundo informa a central nacionalista, o preacordo reúne "todos os puntos" da táboa reivindicativa e foi aprobado por unanimidade nunha asemblea de persoal.

Este conflito laboral, polo tanto, solucionouse 48 horas despois de que se anunciase un calendario de mobilizacións, que incluía unha protesta para hoxe e varias folgas que comezarían o 17 de xuño, e que se poderían volver indefinidas en xullo.

O preacordo alcanzado contempla a consolidación dunha bolsa de emprego permanente e por orde de antigüidade na que se incluirán os dous traballadores despedidos e na orde no que lles correspondía. 

E é que, segundo denunciaba nunha rolda de prensa o responsábel de Transportes da CIG en Santiago, Inácio Pavón, a empresa saltábase a lista e incluía nela "a familiares" dos responsábeis.

Ademais, Pavón destaca que as medidas acordadas acabarán coa arbitrariedade  e "todos os postos estruturais" cubriranse "con persoal indefinido e a xornada completa, consolidando inmediatamente a quen non o estaba".

Así mesmo, o pacto contempla a posibilidade de solicitar persoal de apoio, titulación adecuada para a UVI e o compromiso de realizar "os mantementos, as limpezas e as desinfeccións das ambulancias e dos equipos de traballo conforme obriga a lei".

Comentarios