'All In': o Burela xogarase o título de fútbol sala nun único choque

Encontro de desempate no final do 'play-off' ligueiro ante o Futsi Navalcarnero
Burela será un 'inferno laranxa' de cara á finalísima. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera Burela será un 'inferno laranxa' de cara á finalísima. (Foto: Pescados Rubén Burela).

O fútbol sala é un deporte que destaca pola emoción, un sentimento do que non está orfa a gran final dos play-offs polo título da Primeira División Feminina, que enfronta desde hai máis dunha semana as dúas grandes superpotencias a nivel estatal: Futsi Atlético Navalcarnero (Madrid) e Pescados Rubén Burela (Galiza).

Campioas entre ambas de todas as edicións ligueiras disputadas desde 2012 (salvo unha, que foi para Jimbee Roldán en 2018), o primeiro triunfo da eliminatoria caeu do lado do Navalcarnero grazas á súa superior taxa de acerto desde o punto de penalti (5-6, logo de empatar a tres goles durante o tempo regulamentario), mentres que no segundo choque as guerreiras laranxas foron moi superiores, vencendo a domicilio por un contundente 2 a 4.

Xa que logo, o partido desta cuarta feira ás 20.30 horas no Pavillón Municipal de Vista Alegre de Burela (A Mariña), que poderá seguirse tamén a través da pequena pantalla polas canles públicas Teledeporte e TVG, determinará se a formación galega logra o sexto título da súa historia, empatando así na cima do palmarés do torneo co seu rival e co Femesala Elxe, ou se o Futsi Atlético Navalcarnero, igual que fixera en 2022, logra rachar co dominio case monopolístico estabelecido polo Burela sobre a competición da regularidade desde o ano 2020. 

O técnico laranxa, Julio Delgado, advertiu durante a rolda de prensa previa ao encontro que "o factor campo non será determinante", pero fixo un chamamento á afección para que  "de cara a este terceiro e decisivo partido, Vista Alegre torne nunha fortaleza, como o foi sempre". 

"O importante será ter acerto de cara á portería contraria. A verdade é que no primeiro choque foi o único que nos faltou, así que debemos lembralo para facernos co título de Liga", concluíu.

Comentarios