Galiza-Panamá

Pontón e Besteiro estarán no partido da selección galega. Queres que Rueda vaia?

Na axenda de Alfonso Rueda para este 31 de maio figuran actos de campaña do PP e institucionais da Xunta, mais non a asitencia ao partido da selección.
Partido da selección galega de fútbol contra Venezuela (Foto: Xurxo Lobato).
photo_camera Partido da selección galega de fútbol contra Venezuela (Foto: Xurxo Lobato).

­­­A portavoz nacional do BNG e líder da oposición no Parlamento da Galiza, Ana Pontón, así como a candidata da formación nacionalista ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, acudirán esta sexta feira ao partido da selección galega de fútbol ante Panamá, no estadio de Balaídos, en Vigo. Previamente, as representantes do BNG participarán na manifestación para reclamar a oficialidade das seleccións galegas deportivas.

Pola súa parte, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén ten marcado na súa axenda a asistencia ao encontro de regreso da Irmandiña tras oito anos sen competir.

Ademais, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, así como o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, serán outras das personalidades que asistirán ao partido que disputará esta sexta feira a selección galega.

Antes diso terá lugar o partido denominado A Outra Irmandiña, pola mañá, no que participarán persoas coñecidas da vida social galega. Calvo tamén acudirá a este evento, no que será acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Irá o presidente?

O que non está claro é se acudirá o máximo representante institucional da Galiza, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que non ten marcada na súa axenda institucional oficial a presenza no encontro que se disputará esta sexta feira no estadio de Balaídos.

A posibilidade da ausencia do presidente da Xunta da Galiza no partido da selección galega de fútbol abre un debate sobre a institucionalidade da Irmandiña. Non debería estar presente o líder do Executivo galego neste encontro? Suporía un desprezo e unha falta de apoio ao que representa a Irmandiña? Que opinan os seareiros e as seareiras?

Comentarios