Vero Boquete adía o adeus e seguirá na Fiore un ano máis

Renovou o seu contrato até xuño de 2025.
A xogadora galega, envolta na bandeira do seu actual club. (Foto: Fiorentina).
photo_camera A xogadora galega, envolta na bandeira do seu actual club. (Foto: Claudio Giovannini).

A mellor futbolista galega de todos os tempos, Verónica, 'Vero', Boquete, continuará en activo durante, polo menos, unha tempada máis. Ese foi o tempo polo que prolongou a vinculación que a une coa Associazione Calcio Firenze Fiorentina, conxunto no que milita desde xaneiro de 2022.

Deste modo, a xogadora de 37 anos seguirá impartindo o seu maxisterio polos terreos de xogo italianos, canto menos, até o 30 de xuño de 2025, logo de demostrar co seu extraordinario rendemento sobre o céspede durante a campaña 2023/24 que vén de baixar o pano que, en ocasións, a idade é tan só un número.

"Marcou 20 goles en dúas tempadas e luciu o brazalete de capitá en varias ocasións. Xunto ás súas compañeiras, Verónica defenderá as cores de Florencia na Serie A, na Copa de Italia e na Liga de Campións Feminina da UEFA. Imos, Vero!", escribiu nun breve comunicado o conxunto viola para oficializar a nova da súa renovación.

Porque a actual máxima asistente da Serie A aspirará na 2024/25 a sacar a espiña da derrota na final copeira e a conquistar un título que se lle resiste a unha Fiorentina que, da súa man, pasou de ser un equipo da zona media a un dos grandes de Italia.  

Rubiales será xulgado en febreiro do próximo ano

Catro meses antes de que remate o contrato que vincula Vero Boquete coa escuadra transalpina, concretamente o 3 de febreiro de 2025, comezará na Audiencia Nacional o xuízo a Luis Rubiales polo bico non desexado que propinou á futbolista Jennifer Hermoso logo da final do Mundial de Oceanía.

O proceso ao ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) estenderase até o día 19 dese mesmo mes, segundo consta nunha dilixencia de ordenación.

A Fiscalía da Audiencia Nacional solicita para o antigo futbolista de clubs como o Levante unha pena de dous anos e seis meses acumulados por un delito de agresión sexual -polo antedito bico- e outro de coacción en concepto de autor, crime polo que tamén deberán desfilar polo banco dos acusados o anterior seleccionador estatal feminino, Jorge Vilda; o responsábel de márketing da RFEF, Rubén Rivera; e o ex xogador do Deportivo da Coruña e director de fútbol da 'Roja', Albert Luque. 

Comentarios