Un estudo de Seaga certifica o impacto dos lodos sobre os bancos marisqueiros

O BNG alerta da forte caída da producción marisqueira na ría de Camariñas e demanda que a Xunta da Galiza "tome medidas".
Mariscadores e mariscadoras na ría de Arousa (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Mariscadores e mariscadoras na ría de Arousa (Foto: Xunta da Galiza).

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde Acuña, informou de que un estudo realizado por Servizos Agrarios Galegos (Seaga) entre 2022 e 2023 en Camariñas (Terra de Soneira) proba que "existe un proceso de mobilización de sedimentos" en bancos marisqueiros, polo que recomenda "remover intensamente os fondos" para eliminar os lodos depositados.

Diso informou ante unha pregunta do BNG na Comisión de Pesca, na que o deputado nacionalista Óscar Ínsua Lema denunciou que a perda de produtividade nos últimos dez anos en Camariñas "é unha constante", polo que reclamou á Xunta da Galiza que "tome medidas". Ademais, o deputado alertou de que a produción de marisco caeu de 37.000 quilos en 2019 a "apenas 4.000 quilos" en 2023, con "cero quilos" de berberecho e ameixa babosa nos últimos tres anos.

Ao respecto, a nova directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro expuxo que este informe mostra que esta é unha zona "inestábel" de mobilización de sedimentos cunha "continúa acumulación de finos", de modo que a súa remoción deberá realizarse de forma "non puntual", senón a través dunha "actividade periódica". Apuntou tamén a unha "capa de area fina que percorre os bancos".

Ante esta situación, Villaverde expuxo que a confraría xa solicitou axudas para contar cun tractor con arado co que traballar nos bancos en baixamar e xa iniciou o proceso de compra. Tras iso, deberán facerse repoboacións con sementes cando se renoven os fondos.

Igualmente, deu conta de que xa se concederon axudas de carácter extraordinario para 47 dos 52 mariscadores e mariscadoras a pé existentes en Camariñas, ademais de para unha decena de buques. Informou, así mesmo, de que haberá outras liñas, como axudas por paralización temporal. Neste sentido, o deputado do BNG cualificou estas axudas de "auténtica miseria" a tres días das eleccións para "comprar vontades" despois de estar "a esperar máis de tres meses".

O PP rexeita apoiar ao sector marisqueiro da ría do Burgo

Por outra parte, nesta comisión, o deputado do PSdeG Julio Abalde defendeu unha proposición na que se instaba á Xunta a dotar un plan de axudas e compensacións a mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo (comarca da Coruña) a partir da fin das obras de dragaxe e até que os areais recuperen a súa produción.

Respecto diso, Abalde sinala que, tendo en conta que o Goberno español terminou as obras de rexeneración e que se fixo cargo das indemnizacións durante a súa duración, agora é necesario que a Xunta "se implique", posto que o Executivo estatal "non ten ningunha competencia no momento que as obras están entregadas".

Esta proposta, que contou co apoio do BNG, foi rexeitada polo grupo popular. O deputado do PP Gonzalo Trenor xustificou que "unha responsabilidade do Goberno estatal é sufragar esas indemnizacións", xa que "en ningún sentido corresponde á Xunta da Galiza".

Comentarios