O PP critica que a oposición pida derrogar o decreto de plurilingüismo e defende a "lexislación vixente" para o galego

Pazos Couñago afonda na advertencia de Rueda sobre os límites ao "pacto polo galego" proposto a semana pasada polo conselleiro de Cultura e Lingia. 
O portavoz do grupo popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago.
photo_camera O portavoz do grupo popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, mandou  esta segunda feira un aviso a navegantes sobre a oferta de "pacto polo galego" ofrecida a semana pasada polo conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos: o diálogo para un acordo non debe comprometer a política lingüística que a xunta impuxo estes anos.

Vinte e catro horas despois , o portavoz do PP na Cámara galega, afondou na liña do discurso do presidente. Alberto Pazos Couñago censurou esta terza feira que a oposición demande a derrogación do decreto do plurilingüismo como condición para sumarse ao "pacto" pola lingua galega.

Unha oferta sobre a que, esta terza feira e após a reunión da xunta de portavoces, os principais grupos da oposición (BNG e PSdeG) aseguraron que non recibir ningún tipo de contacto por parte do Goberno galego para explorar un posíbel acordo.

Así o manifestaron tanto a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, como a súa homóloga no grupo docialista, Elena Espinosa, a preguntas da pensa na Cámara galega, onde aseguraron que a Xunta non fixo movementos desde o anuncio de López Campos en sede parlamentaria dun “gran pacto polo galego” o pasado 14 de maio.

"Lexislación vixente"

Pazos Couñago atribuíu esta ausencia de avances a que a Consellaría estivo "centrada" nos últimos días en celebrar de forma "adecuada" do Día dás Letras Galegas.

En todo caso, incidiu o portavoz do PP en que será o conselleiro quen decida "as fórmulas máis adecuadas" para tratar de alcanzar un acordo, á vez que lamentou que a oposición poña como primeira petición que se derrogue "a lexislación vixente", o que o levou a pedir que "non insinúen vetos desde o minuto uno".

Xusto antes da comparecencia de prensa de Pazos Couñago, Olalla Rodil manifestara que "o primeiro" que debe facer o PP se quere alcanzar un pacto polo galego debe ser "derrogar o decreto da vergoña".

Pola súa parte, Elena Espinosa defendeu que o PSdeG "sempre tivo unha postura coherente" sobre a defensa da lingua galega, o que contrapuxo á actitude que acusa de ter ao PP, que "vota unha cousa"na Galiza e "outra" en Madrid, como, dixo, quedou demostrado durante o debate do uso das linguas cooficiais no Congreso.

Comentarios