28-M

Su Garrido Pombo, Jonathan Pereira, Carmen Santos, Pepe Carreiro e 'Chili' mostran o seu apoio a Xabier P. Igrexas en Vigo

51 referentes sociais da cidade olívica asinaron un manifesto en apoio ao alcaldábel nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.
Xabier Pérez Igrexas (no centro) esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabier Pérez Igrexas, no centro, esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

“As transformacións que fixeron medrar e avanzar Vigo sempre tiveron un denominador común: foron resultado do empurre popular, da forza da xente, da suma de vontades das viguesas e dos vigueses. Somos unha cidade tan diversa como combativa, tan plural como solidaria, tan complexa como determinada a enfrontar, xuntas e xuntos, os retos que se foron poñendo no camino”.

Así comeza o manifesto que o BNG de Vigo publicou esta quinta feira e que conta co apoio de até 51 referentes sociais da cidade eolívica que mostran, deste modo, a súa concordancia co proxecto encabezado por Xabier Pérez Igrexas de cara ao 28-M.

Igrexas valorou este “apoio amplo e plural, por parte de persoas de diferentes ámbitos, orixes e perspectivas” que encadrou na “imparábel onda de simpatía cara ao BNG na cidade de Vigo”. Remarcou tamén que a proposta política da fronte nacionalista é de “portas abertas e cunha vocación firme de sumar”.

O candidato á Alcaldía agradeceu expresamente “a xenerosidade de persoas que provindo doutros espazos e organizacións políticas hoxe acreditan na importancia de que todas as viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo conflúan na alternativa aberta e en positivo do BNG”.

Desta maneira, tivo palabras expresas para o ex concelleiro de Marea de Vigo durante o mandato 2015-2019, Xosé Lois Jácome, e tamén para a ex secretaria xeral de Podemos en Galiza, Carmen Santos, que se sumaron ao manifesto.

“Temos que garantir que ningunha viguesa nin ningún vigués que quere que as cousas muden na cidade poida ficar sen representación. E o BNG tendémoslle a man para darlle voz e voto no Pleno a toda a veciñanza que sabe e sente que Vigo merece máis e lograrmos unha forza determinante para deixar atrás a inercia paralizante dos últimos anos”, explicou.

Asinantes

Na relación de apoios salienta a presenza da escritora María Reimóndez; o ex reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a avogada e activista social Esther Lora; o sindicalista Alberto Gonçalves; o ex futbolista profesional Jonathan Pereira; a profesora universitaria Helena Migúelez; o dramaturgo Afonso Becerra; a filósofa e escritora Carme Adán; o xestor cultural e director teatral Roberto Pascual; o debuxante Pepe Carreiro; a cantautora Su Garrido Pombo, e catro ex presidentes da Federación Veciñal (Amador Fernández, Xosé Lois G. Pais, Xosé Sánchez e Fernando Seixo).

Fechando as 51 sinaturas do manifesto do apoio está Carmiña Fernández Santos, unha “referente histórica” do movemento veciñal de Vigo e presidenta fundadora da AV Val do Fragoso, entidade que Igrexas reivindicou como a súa primeira militancia.

"Carmiña foi e é unha grande referente persoal para min. Un exemplo de compromiso xeneroso en favor do ben común. Con ela aprendín que a cidade faise desde os barrios e as parroquias e da importancia de escoitar, sobre todo, a quen pensa diferente", manifestou Igrexas.

Comentarios