A Xunta ofrece 200 vivendas cando cada mes hai na Galiza 510 familias desafiuzadas

O goberno galego decide solucionar o problema dos desafiuzamentos cun programa de vivendas que non cobre a totalidade de afectad@s de Galiza.
Feijóo no primeiro Consello de goberno 2012 diante dos medios de comunicación
photo_camera Feijóo ao remate do Consello da Xunta

Agardábase moito do primeiro consello ordinario da Xunta nesta lexislatura. A actual situación de moitas familias galegas vítimas de desafiuzamentos, máis de 500 cada mes segundo datos do propio Consello Xeral do Poder Xudicial ou sexa dezasete por día, esperaba unha solución urxente. E Feijóo presentou o que denominou "Plan de realoxo para colectivos de afectados polos desafiuzamentos", para o presidente “unha promesa electoral que pasamos a cumprir”. 

A proposta presentada aos medios de comunicación en conferencia de prensa conta con dous apartados que aproveitarían a vivenda de protección autonómica da propia Xunta e unha bolsa de alugueiros económicos para aquelas familias afectadas polos desafiuzamentos.

Primeiro as familias numerosas

Nun primeiro apartado deste Plan, segundo anunciou o presidente do goberno, cederíanse de xeito gratuíto as 200 vivendas que ten en propiedade a Xunta a través da súa Promoción Pública. Para acceder a elas un dos requisitos é que as persoas afectadas polos desafiuzamentos teñan uns ingresos familiares que non superen 2,5 veces a renda IPREM. Se a renda da familia é igual ao IPREM (532 euros aproximadamente) a ocupación do inmóbel non tería custo ningún e se está entre as 1,5 e 2 veces o aluguer estaría entre 80 e 150 euros.

Noutro apartado aprobouse tamén o Programa aluga ao que poderán acceder 500 familias afectadas polos desafiuzamentos. Neste caso o alugueiro será "económico" e a tramitación realizarase a través do Instituto galego de vivenda e solo. Se é posíbel @s beneficiari@s terían ese inmóbel nas proximidades do que tiñan como vivenda habitual. Para accederen terán prioridade as familias numerosas, as familias monoparentais, as familias con membros que teñan unha discapacidade, persoas en desemprego e, por último, as vítimas pola violencia machista.

Comentarios