O ultradereitista Vox racha todos os seus pactos autonómicos co PP e abandona os gobernos

O partido de extrema dereita afirma que exercerá unha oposición "leal e contundente" ao PP.
O líder do ultradereitista Vox, Santiago Abascal, esta quinta feira, reunido cos demais dirixentes do partido. (Foto: Europa Press)
photo_camera O líder do ultradereitista Vox, Santiago Abascal, esta quinta feira, reunido cos demais dirixentes do partido. (Foto: Europa Press)

O líder do partido ultradereitista Vox, Santiago Abascal, anunciou a última hora desta quinta feira que os catro vicepresidentes autonómicos da súa formación presentarán a dimisión e pasarán a exercer unha oposición "leal e contundente" nos territorios nos que até o de agora gobernaba en coalición co Partido Popular.

Así o trasladou nunha declaración retransmitida en vídeo ao termo da reunión do Comité Executivo Nacional que Vox convocara con carácter de urxencia —e cuxo fin acabou demorándose unha hora e media— tras o visto e prace do PP á repartición de menores migrantes non acompañados polas autonomías para "aliviar a carga de Canarias", un plan exposto polo Goberno estatal.

Segundo a proposta do Executivo, as autonomías nas que PP e Vox gobernaban en coalición acollerían un total de 110 menores migrantes: Aragón, 20; Castela e León, 21; País Valencià, 23; Estremadura, 30, e Murcia, 30. Balears, onde os populares gobernan en minoría grazas ao apoio externo dos de Abascal por un acordo de investidura, acollería 10. No PP cren que romper os pactos por acoller "entre 10 e 30 menores" soa "a escusa".

Vox entrou nun goberno autonómico por primeira vez en Castela e León, onde ostentaba a Vicepresidencia e tres consellarías. Despois chegou ao País Valencià, obtendo a Vicepresidencia, dúas consellarías e a Presidencia das Cortes; Murcia, onde tamén ten a Vicepresidencia e dúas consellarías; Aragón, cunha Vicepresidencia, dúas consellarías e a Presidencia do Parlamento, e Estremadura, cunha consellaría. As cinco comunidades autónomas xa aprobaron os orzamentos para o próximo exercicio.

A formación de Santiago Abascal xa desligara esta mañá a ruptura dos pactos subscritos nas autonomías dos gobernos en coalición cos populares co caso dos concellos, onde seguirán formando parte dos gabinetes que hoxe comparten.

O líder ultra explicou que a ruptura dos pactos quedará materializada coa dimisión dos catro vicepresidentes autonómicos —Alejandro Nolasco, Aragón; Vicente Barrera, País Valencià; José Ángel Antelo, Murcia, e Juan García-Gallardo, Castela e León— e, ademais, Vox retirará o seu apoio parlamentario ao PP nestes territorios, o que inclúe Balears. "Vox pasará a exercer unha oposición tan leal e contundente como no resto de España", agregou, afirmando que a súa formación non ten "apego aos sillóns".

Abascal asegurou que Vox "cedeu quizais ás veces demasiado para salvagardar" os gobernos autonómicos coa vista posta en "consolidar unha alternativa nacional", pero lamentou que é "imposíbel pactar con quen non quere facelo" e "pretende impor políticas de fronteiras abertas". Aludía así ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, a quen acusou "primeiro de impedir e logo de torpedear" os acordos nas autonomías. Nesta liña, arremeteu contra o líder popular por "pactar permanentemente co autócrata corrupto de Pedro Sánchez".

O dirixente da extrema dereita española quixo remarcar o rexeitamento de Vox "á inmigración ilegal", como cualificou a chegada de persoas migrantes ás costas do Estado español, algo do que advertira "por activa e por pasiva", por, segundo Abascal, "xerar inseguridade, delincuencia e un custo económico cada día maior a todos os españois". "Ninguén votou a Vox, e atrévome a dicir ao PP, para que continúe a invasión de inmigración ilegal e de menas", subliñou, referíndose con este último termo despectivo ás crianzas non acompañadas.

Comentarios