18-F

Marta Lois pide que Sumar sexa “o catalizador do cambio na Xunta”

“Se Sumar entra, Rueda marcha”, afirmou a candidata da formación rosada

Acto de comezo de campaña de Sumar en Cangas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto de comezo de campaña de Sumar en Cangas. (Foto: Europa Press)

A candidata de Sumar á presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, comezou na madrugada desta sexta feira a campaña na vila de Cangas (O Morrazo), onde pediu o voto para que a formación rosada sexa “o catalizador do cambio na Xunta da Galiza”.

Coa praia de Rodeiro e ría de Vigo de fondo, e coas cancións de Fillas de Cassandra no fío musical, Lois estivo acompañada do cabeza de lista por Pontevedra, e, o número dous pola Coruña, Paulo Carlos López, e a candidata morracense, Rocío Núñez.

Para a cita coas urnas do próximo 18 de febreiro a candidata apelou a “Galiza progresista” a que saíse da casa como o fixo nas anteriores eleccións estatais do 23 de xullo. “Nestes 15 días de campaña vou pedirvos o voto, vou pedir á Galiza progresista que vote, que vote porque somos máis”, dixo Lois.

“O PP sábeo”, continuou. “Por iso intenta facer ver que estas eleccións son un mero trámite administrativo, que pase o que pase o resultado vai ser o mesmo. Eu dígovos que non”, resaltou a candidata de Sumar na Galiza. “Os números non lle dan, a entrada de Sumar no noso Parlamento vai ser o catalizador dese cambio, desas mudanzas que son tan e tan urxentes”, afirmou.

A formación preséntase a estas eleccións para “ensanchar o espazo progresista galego”. Lois insistiu na apertura da campaña que Sumar é unha forza “laboralista, feminista, galeguista e ambientalista”.

“A diferenza doutras, aquí non lle vamos esixir o carné a ninguén, nin vamos pedirvos un pedigree político”, engadiu a candidata. “Todo o contrario. Somos unha forza moderna, aberta, transversal, que defende sempre os dereitos das de abaixo, das e dos traballadores, que imos converter a Galiza, nun territorio das mulleres. Non teñades dúbida”.

“Se o PP perde a maioría, que a vai perder, dígovos que eu, Marta Lois, comprométome persoalmente a traballar xa desde o día seguinte para que a Galiza teña un Goberno á altura do noso pobo”, concluíu a candidata.

Comentarios