Parlamento

Alertan de "falta de imparcialidade" na Comisión de Competencia

O organismo resolveu o ano pasado oito expedientes.
Ignacio López-Chaves. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ignacio López-Chaves. (Foto: Nós Diario)

A actividade da Comisión Galega da Competencia foi fiscalizada esta quinta feira na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego. Compareceu o seu presidente, o ex deputado do PP Ignacio López-Chaves, para dar conta da actividade deste órgano en 2023 e recibiu a crítica de todos os grupos (salvo o PP) por ter convertido esta Comisión nun órgano "con falta de transparencia e imparcialidade", segundo remarcaron os voceiros do BNG e do PSdeG, "beneficiando empresas amigas".

O balance de 2023 feito polo presidente desta Comisión no Parlamento referiuse aos oito expedientes resoltos o ano pasado, que afectaban a licitacións de obras na Zona Franca de Vigo, a concesións de varias navieiras na ría de Vigo e á polémica das concesións do servizo de transporte de viaxeiros relacionado coas empresas Alsa e Monbus.

Anunciou tamén López-Chaves que a Comisión comezou a elaborar informes ao amparo da lei de contratos do sector público, en concreto varios por posíbel incorrencia de prácticas colusorias para as Consellarías do Mar ou Sanidade.

A deputada do BNG Carmela González referiuse ao "trato de favor" da Xunta da Galiza a Monbus e Alsa, logo de que ambas as empresas actuaran de forma "irregular, repartindo o mercado co visto e prace do Goberno galego". Censurou tamén o BNG que a Comisión "abdicou das súas competencias" e abriu expedientes ás empresas "só porque obrigaron os tribunais".

A deputada socialista Paloma Castro dixo que 2023 "non foi un bo ano para a reputación" da Comisión Galega da Competencia, á que acusou de non cumprir certas resolucións e case non ter incoado procedementos relativos a expedientes de contratación da Xunta. No caso de Monbus e Alsa, insistiu a deputada en que foi a sentenza xudicial a que obrigou a Comisión a investigar malia non o querer facer no inicio.

Comentarios