Altri abanea o taboleiro político galego

O conflito aberto coa decisión da portuguesa de Altri de instalar unha celulosa na Ulloa entrou nunha nova fase o pasado domingo coa mobilización vivida nas rúas de Palas de Rei.

Manifestación en Palas de Rei contra o proxecto de Altri na Ulloa o pasado domingo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación en Palas de Rei contra o proxecto de Altri na Ulloa o pasado domingo. (Foto: Nós Diario).

A manifestación desenvolvida o pasado domingo 26 de maio contra a celulosa de Altri polas rúas de Palas de Rei (comarca da Ulloa) será obxecto dos historiadores dentro duns poucos anos como un fito chave da loita social e política na Galiza. Porén, a marcha na actualidade é un termómetro da contestación social a un proxecto que hipoteca económica e ambientalmente o conxunto do país, interpelando ao conxunto das forzas partidarias e marcando unha axenda da que estas non poden escapar

O Partido Popular xa sabe que unha parte significativa da poboación galega non apoia o proxecto de Altri para Palas de Rei. Malia que as máis de 23.000 alegacións presentadas contra Estudo de Impacto Ambiental (EIA) rexistrado pola compañía avanzaban o alcance da oposición social, agora os populares son conscientes que o corpo social enfrontado á celulosa ten un carácter transversal no ideolóxico e no electoral. Ao tempo, o PP ten claro que o rexeitamento a esta nova pasteira é equilibrado no territorial, máis con especial incidencia en comarcas electoralemente chave para o partido como A Ulloa, O Deza, O Salnés ou as Terras de Melide e Arzúa.

O PP atrapado

Os populares están atrapados. Promotores do proxecto desde o Goberno galego e premidos polo núcleo central do poder económico do país para tirar para adiante coa iniciativa de Altri a calquera prezo, carecen de marxe de manobra para fixar unha posición que reduza os custos sociais e electorais da súa aposta. Neste punto, responsábeis locais e territoriais do partido observan con preocupación o impacto desta decisión en termos electorais, con especial relevo na esfera local e galega, convencidos que o conflito vén de comezar coa marcha do 26 de maio en Palas de Rei e o peor esta por vir.

O Bloque Nacionalista Galego respira tranquilo tras a mobilización do pasado domingo. Malia que a dirección nacionalista tiña decidido dar a batalla contra este proxecto por chocar contra o seu modelo de desenvolvemento do país e asumir os custos derivados da súa alternativa, os resultados da marcha do 26 de maio despexan calquera dúbida sobre o camiño a seguir e empuxan ao BNG a enfrontar con máis contundencia a iniciativa do grupo portugués. Neste punto, a dirección da organización aposta por intensificar a campaña de información sobre o tema unha vez pasados os comicios europeos e trasladala ao conxunto do país.

Os riscos do BNG

Os nacionalistas son conscientes dos riscos da súa decisión, mais entenden que a súa é unha posición gañadora. A este respecto, consideran que o tempo xoga ao seu favor, que cada día que pasa o proxecto perde apoios e que a oposición será cada día maior. Nesta liña, están convencidos que as próximas mobilizacións promovidas contra Altri para o mes de xuño van superar a participación da marcha do 26 de maio e que o conflito veu para quedarse, o que explica o nerviosismo das fraccións do capital vinculadas ao proxecto.

O Partido dos Socialistas da Galiza recibiu como un duro golpe a marcha do domingo. A alta participación na manifestación desenvolvida polas rúas de Palas de Rei dificulta manter a ambigüidade na que se sitúa a dirección do partido e impugna a liña argumental do equipo de José Ramón Gómez Besteiro caracterizada por un perfil baixo, que non contenta nin aos defensores nin aos opositores ao proxecto. Precisamente, a grande dúbida entre os cadros da formación está na posibilidade de manter esta posición durante máis tempo, nun contexto onde o centro da vida política galega vai xirar ao redor de Altri.

O problema do PSdeG

Os socialistas teñen un problema. Se a falta de posición a nivel público déixaos fóra do xogo político e fortalece o papel do BNG como alternativa ao PP, a nivel interno agudiza as contradicións entre os sectores do partido favorábeis a Altri, onde xoga un papel chave o barón coruñés, Valentín González Formoso, e aqueles que rexeitan o proxecto, maioritarios nas comarcas directamente afectadas mais tamén nas xuventudes da formación e nunha parte das súas organizacións irmás, como é o caso de Unións Agrarias.

Comentarios