18-F

Ana Pontón pide a galegas e galegos a súa confianza para “facer historia” o 18-F

Comeza a campaña na Coruña apelando á movilización masiva de todas as persoas “que queren abrir un tempo novo e pór en marcha unha Galiza mellor”

Merdeces Queixas, Ana Pontón e Francisco Jorquera, esta quinta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Merdeces Queixas, Ana Pontón e Francisco Jorquera, esta quinta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional e candidata á Presidencia do Goberno galego, Ana Pontón, abriu a campaña na Coruña cunha chamada á mobilización masiva do voto do cambio e a concentrar no BNG a papeleta de todas as galegas e os galegos que queren “facer historia e abrir un tempo novo a partir do 18-F”. “Pídolles que aposten todo ao BNG, porque somos a mellor alternativa para derrotar o PP e pór en marcha o cambio galego”, proclamou.

“Se o voto do cambio se mobiliza e se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor”, afirmou no acto de apertura de campaña, que compartiu coa cabeza de cartel pola Coruña, Mercedes Queixas. Pontón insistiu en que estas son as eleccións “máis importantes  e máis abertas dos últimos 15 anos” e amosouse convencida de que “o cambio é imparábel” e de que “está ao alcance das nosas mans”.

Destacou, neste sentido, que este é o momento de apostar polo BNG como garantía dese cambio, con independencia da opción elixida en anteriores comicios.  “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, proclamou Pontón ante a decisiva cita do 18-F.

“Porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”, engadiu, para facer unha nova chamada á confianza no BNG e a facer historia “dándolle a Galiza a primeira presidenta da súa historia coas mans libres” para traballar pensando só en resolver os problemas da xente, unha presidenta, dixo, “á que só os galegos e as galegas lle van dar ordes”. “Non vos vou fallar”, asegurou.

O momento é agora e non podemos deixar pasar esta gran oportunidade”, asegurou nunha mensaxe especialmente dirixida a esa parte da ciudadanía que aínda dubida sobre o seu voto, que está desencantada coa política ou que non está segura de ir votar porque “non ven posíbel que as cousas poidan mudar”. A estas persoas cominounas a facer historia sumándose a unha “onda de cambio que non deixa de medrar”.

Comentarios