Besteiro presenta ao PSdeG como “o partido das solucións”

Os socialistas galegos deron remate este domingo a súa convención política con Nadia Calviño como estrela convidada. A futura presidente do Banco Europeo de Investimentos (BEI) acompañou a José Ramón Gómez Besteiro na súa sesión de clausura.

 Convención Política 1-1
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, cando outros dirixentes socialistas, na sesión de clausura da convención política do PSdeG. (Foto: PSdeG)

Nadia Calviño deu o seu respaldo á candidatura de Gómez Besteiro para que o Goberno galego teña un presidente socialista que “aposta polo diálogo e o traballo intenso e conxunto” e que traballe “man a man co goberno de España”.

A futura presidente do BEI destacou de Gómez Besteiro súa capacidade de traballo “24 horas ao día, 7 días á semana para sacar adiante ao país”, que demostrou que leva “no corazón” o compromiso con Gaiza e o “orgullo” de ser galego, que “non se avergoña como outros de falar galego no Congreso”.

A responsábel da área económica de Goberno de Pedro Sánchez significou do candidato socialista  que é “unha persoa con visión de futuro” para encabezar a transición ecolóxica, e “con ambición” para situar a Galiza á cabeza do desenvolvemento económico.

Gómez Besteiro retou a Alfonso Rueda a que convoque as eleccións galegas “cando queira e como queira porque os socialistas galegos estamos preparados para gobernar Galiza”.

O dirixente socialista presentou a súa formación como “o partido das solucións”. “Solucións para unha terra que está estancada, cun Goberno da Xunta instalado na inercia”, aseverou Besteiro.

O candidato do PSdeG indicou que “só cando gobernamos os socialistas, Galiza avanza”. Nesta liña, apuntou que “o programa que vén aplicando o Partido Popular desde a Xunta é o de recortar, pintar e colorear: recorto persoal, recorto atención, pinto nos orzamentos cousas que non fago, e coloreo todo de azul”.

O deputado por Lugo chamou a mobilización do electorado, asegurando que “ese cambio é posíbel. Nós somos ese cambio posíbel”, en contraposición ao Partido Popular que se  “queixan por todo e non fan nada”.

Gómez Besteiro rematou cun “chamamento a todos os galegos que están convencidos de que Galiza necesita un cambio, para que camiñen con nós” e reiterou que “non me conformo con gobernar, quero gañar”.

Comentarios