18-F

Besteiro empraza Rueda a participar en seis debates para "falar da Galiza" e "deixar a política de moqueta"

O candidato socialista afirma que os galegos merecen "unha campaña 100% galega" e "non organizada desde Xénova" e por "un candidato perdedor", en alusión á derrota nas estatais de Feixoo.
Lara Méndez, Valentín G. Formoso, José Ramón G. Besteiro e José Manuel Lage, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lara Méndez, Valentín G. Formoso, José Ramón G. Besteiro e José Manuel Lage, hoxe. (Foto: Europa Press)

O candidato socialista á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou o presidente do Executivo galego e candidato do PP aos comicios convocados para o 18 de febreiro, Alfonso Rueda, a "deixar a política de moqueta", en referencia ao Parlamento galego, e a aceptar a organización de seis debates para "falar" da Galiza. "Dous de ámbito galego e outros catro territorializados", propuxo esta sexta feira, en declaracións aos medios de comunicación xunto ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; a vicesecretaria xeral, Lara Méndez, e o secretario de Organización do partido, José Manuel Lage.

E é que Besteiro, que confirmou que se presentará pola circunscrición de Lugo, remarcou que debe achegarse a política á xente para que esta "se enriqueza e entre de cheo na campaña". "E [que a xente] saiba claramente que ofrecemos uns e outros", engadiu, ao argumentar que "lle convocan desde Madrid as eleccións a Rueda" e que "para quitarse esa manta que lle vai vir e falar das cousas que lle preocupan aos galegos" debería aceptar a proposta socialista.

"Queremos que a xente participe", insistiu, sobre o posicionamento do PSdeG a este respecto e polo feito de que estes comicios decorran despois das festas do Nadal e do Entroido, de cara a evitar unha menor participación do electorado. Besteiro argumentou, ademais, que os galegos merecen "unha campaña 100% galega" e "non organizada desde Xénova" e por "un candidato perdedor", en alusión aos resultados electorais do presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, nos pasados comicios estatais ao non lograr a gobernabilidade.

Sobre o anuncio deste de que terá a súa propia caravana na campaña, asegurou que desde as filas socialistas non saben "identificar ben" quen vai ser o candidato "e que vai achegar", pola presenza do dirixente do PP estatal nas eleccións galegas e en alusión a Rueda tamén. Con todo, incidiu en que o PSdeG está "preparado" para a campaña e co obxectivo de defender "as oportunidades" da Galiza e "impulsar" as relacións cos concellos. "Porque o país facémolo todos", apostilou.

Sumar e Podemos

Mentres, cuestionado polas discrepancias entre Podemos e Sumar e o feito de que a líder desta formación, Yolanda Díaz, a definise como socio necesario, Besteiro asegurou que o que ve é "debate de ideas e de pluralidade". No entanto, remarcou que non só se dá no ámbito das forzas da esquerda. "Vox anuncia que se vai presentar", lembrou, para, a colación, afirmar que así sería a non ser que "as negociacións co PP cheguen a bo porto para que haxa unha integración política aquí na Galiza".

Comentarios