BNG-Asembleas Abertas será a denominación do Bloque nas eleccións municipais

A formación aposta "sen pedir carné a ninguén" por “integrar a toda a cidadanía rebelde que quere participar directamente na política dos seus concellos e aposta por un proxecto nacionalista e transformador”, segundo indicou.

bng-crop
photo_camera BNG.

O Consello Nacional do BNG, reunido este sábado, valorou positivamente o proceso de asembleas abertas que comezou ao remate do verán e anunciou que BNG-Asembleas Abertas esa será a denominación que utilizará, xunto ás súas siglas, nas eleccións municipais de maio de 2015. 

“Decidimos elaborar o programa e as candidaturas a partir das propostas que saían das asembleas abertas e concorrer ás eleccións de maio coa denominación BNG-Asembleas Abertas”, informa a organización nacionalista, que afirma tamén que “quere así enviar unha mensaxe inequívoca da súa aposta por integrar a toda a cidadanía rebelde, sen pedir carné a ninguén, que quere participar directamente na política dos seus concellos, que aposta por un proxecto nacionalista e transformador para o conxunto de Galiza e ve no BNG a ferramenta política máis acaída para implantalo, e que ve nos comicios municipais a primeira oportunidade para derrotar os partidos políticos que sosteñen un réxime corrupto, que empobrece a maioría social e nega o dereito dos pobos a decidir o seu futuro”. 

A finais de novembro saberanse @s candidat@s da organización, que antes formará grupos de traballo abertos

O BNG promoverá outra fase de asembleas abertas con “grupos de traballo concretos no que os e as participantes no proceso poden presentar propostas e nomes de cara a elaboración do programa e das candidaturas”, que se marcan o 29 de novembro como a data para seren aprobadas.

Comentarios