23-X

O BNG insiste en que non dará un "cheque en branco" a Sánchez e pide "un novo status" para Galiza

Néstor Rego chama a artellar "unha maior unidade de acción das forzas soberanistas, nacionalistas e independentistas" do Estado para "avanzar en dereitos" na Galiza, Euskal Herria e Catalunya.
Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Néstor Rego, durante un debate no Congreso (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O deputado reelecto do BNG no Congreso, Néstor Rego, insistiu esta segunda feira en que a súa formación non dará "un cheque en branco a ninguén" para facilitar unha nova investidura de Pedro Sánchez, e apostou por "fortalecer" o autogoberno da Galiza cun novo status. O nacionalista recoñeceu que o Bloque ten unha "maior coincidencia de posicións" con EH Bildu que co PNV, con quen, a pesar de todo, mantén "unha relación cordial", e defendeu que sería positivo que "se puidese visualizar unha maior unidade de acción de forzas soberanistas, nacionalistas ou independentistas".

En declaracións a Radio Euskadi, Rego asegurou que a situación política no Estado español "non é en absoluto fácil" visto o escenario que deixan tras de si as eleccións do pasado 23 de xullo, e afirmou que "sería positivo" que quen ten a responsabilidade de gobernar buscase fórmulas para conseguir acordos coas "forzas políticas que representan" Euskal Herria, Galiza e Catalunya.

Ao seu xuízo, o reto do PSOE pasa por "avanzar nos dereitos desas nacións", xa que o BNG "tampouco vai dar un cheque en branco a ninguén". "O PSOE deberá sentar a falar co BNG. O fundamental é que non exista unha repetición electoral e non teña ningunha posibilidade de gobernar a dereita, pero tamén que Galiza estea presente no debate político", argumentou.

Neste sentido, apostou por "agrandar e fortalecer" o autogoberno na Galiza cun "novo status político que recoñeza Galiza como nación e blinde as competencias". E advertiu, aliás, que calquera acordo futuro cos socialistas "debe pasar por maiores garantías de cumprimento" que na pasada lexislatura.

Por outra parte, o parlamentario considerou que sería positivo que se puidese visualizar "unha maior unidade de acción das forzas soberanistas, nacionalistas e independentistas" do Estado. "Temos un papel fundamental e sería unha pena desaproveitar esa oportunidade histórica de avanzar en dereitos das nacións. Todo iso conséguese tamén con maior coordinación", expresou.

Ademais, recoñeceu que o BNG ten "unha maior coincidencia de posicións" e mesmo unha "relación formal estabelecida" con EH Bildu que co PNV, na medida en que ambas as dúas son "forzas soberanistas de esquerdas". "Concorremos conxuntamente nas eleccións europeas e esperamos facelo tamén nas próximas", indicou, para engadir, con todo, que manteñen "unha relación cordial co PNV".

Por último, congratulouse polo feito de que Sumar teña previsto levar ao Congreso unha reforma para permitir o uso do euskera, catalán e galego nos plenos e lembrou que se trata dunha reivindicación que as forzas soberanistas xa defenderan en pasadas lexislaturas.

Comentarios