O BNG pide a retirada dos plans de eólica mariña e exixirá un maior compromiso coa pesca e marisqueo

Ana Pontón estivo este domingo en Moaña, no día da celebración da Galiza mariñeira, onde fixo un recoñecemento expreso á xente do mar. Carme da Silva reclama garantir o voto dos mariñeiros embarcados

BNG MOAÑA GALIZA NO MAR

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo sumarse este domingo á celebración do día da Galiza do mar desde Moaña, onde destacou que esta é unha nación pesqueira. "Queremos render homenaxe á Galiza mariñeira nun día no que á xente que vive do mar comparte festividade, sentimento de comunidade e unha maneira de ser, de estar e de habitar nun país con 1.500 quilómetros de costa",indicou acompañada da candidata por Pontevedra, Carme da Silva.

A líder nacionalista incidiu na importancia do sector do mar para a Galiza, e por iso “tamén se precisa un grupo galego forte en Madrid, para defender un sector que é máis que unha actividade económica que xera miles de postos de traballo: forma parte da esencia de Galiza", alegou. Neste sentido, Pontón pediu votar en clave de país e con vontade de ter unha voz forte que defendaa  Galiza ante Madrid.

Pontón apelou a tomar exemplo do que fan vascos e cataláns que levan décadas condicionando as políticas do Estado para mellorar a vida dos seus pobos, "non porque sexan máis listos nin máis hábiles na negociación, senón porque teñen forzas nacionalistas con grupos propios e usan esa forza para darlle futuro aos seus pobos. Iso é o que queremos facer no BNG cun grupo galego forte, non para ter privilexios senón xustiza ante unhas forzas estatais que sempre discriminan este País".

Discriminación que tamén afecta ao sector da pesca, indicou Pontón, que avanzou as propostas que o BNG defenderá no Congreso a favor da xente do mar. En primeiro lugar, “frear o boom éolico depredador que prevé colocar no litoral galego case 50% de toda a eólica mariña prevista para o conxunto do Estado, co beneplácito de todas as forzas estatais”.

"Suporía un golpe de morte para o sector pesqueiro, arrasar con miles de postos de traballo directos", denunciou. O BNG apoia a transición enerxética, "pero xusta e democrática, non pensada e deseñada para que se siga forrando o lobby eléctrico", subliñou. Por iso, defenderá no Congreso a retirada do plan de eólica.

A segunda cuestión prioritaria é o saneamento completo das rías, despois de ter logrado xa, cun só deputado, poñer en marcha o dragado da Ría do Burgo, "nesa dirección seguiremos traballando". Unha terceira cuestión é xestión directa do litoral así como reclamar a competencia en salvamento marítimo e loita contra a contaminación marina.

Acompañada pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e da alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, Pontón fixo un recoñecemento expreso á xente do mar.

A candidata por Pontevedra, Carme da Silva, incidiu no perigo de trasladar ao mar o espolio eólico que auspician PP e PSOE, "poñendo o noso vento ao servizo das eléctricas e de fondos voitre".

Igualmente, reclamou utilizar as novas tecnoloxías para facilitar o dereito ao voto da xente mariñeira embarcada por longos períodos en alta mar, sobre todo despois de que o BNG incluíse esta opción na Lei de Pesca Sustentable

Comentarios