O BNG propón o IVE cero para os produtos básicos do cesto da compra

Pontón chama a acudir á mobilización deste domingo.
bng
photo_camera O Bloque propón IVE cero para os produtos básicos da cesta da compra ante a inflación dos alimentos (Foto: Nós Diario)

 portavoz nacional do BNG, Ana Pontón aproveitou a visita onte á praza de abastos de Redondela para reclamar medidas contra a escalada de prezos da alimentación, "que esconde un alto grado de especulación, o que provoca que ter unha alimentación saudábel sexa un luxo". Ante esta situación, o BNG propón IVE cero para os alimentos que conforman a cesta básica das familias.

Manifestación o domingo en Compostela

Para defender unha saída "xusta e galega" á crise é necesario "unha gran mobilización social" e, nese sentido, Pontón instou a cidadanía a participar na manifestación convocada polo BNG para mañá domingo, día 18, en Santiago de Compostela.

A líder da oposición defendeu que tomar parte nesa mobilización é un paso "de calado" para que se tomen medidas que eviten que unha minoría se enriqueza mentres unha maioría está a pasalo mal, para controlar a especulación, para que se axude as persoas que peor o están pasando con medidas como a recuperación da tarxeta básica ás familias precisamente para a compra de alimentos".

Para o BNG, nun contexto de "descontrol" de prezos na alimentación, "é de sentido común" que de maneira temporal os produtos que conforman o cesto básico da compra teñan un IVE cero. Pontón tamén propuxo aumentar o número de alimentos con IVE súper reducido, "para axudar as familias que o están pasando moi mal e que viven unha situación verdadeiramente difícil". As propostas nacionalistas inclúen a modificación da Lei da cadea alimentaria para evitar a especulación cos alimentos de primeira necesidade, "porque o dereito a ter unha alimentación sa debe estar por riba do beneficio empresarial", alegou Pontón. 

Igualmente, defendeu a creación dun Observatorio Galego de Prezos que determine como se conforman os prezos ao longo de toda a cadea de valor para corrixir a especulación. "Hai que evitar que os de sempre paguen a crise mentres os de sempre se enriquecen".

Comentarios