O BNG reclama “blindar” Galiza e impedir as entradas e saídas

Perante o “notábel e preocupante incremento" de casos positivos de coronavirus na Galiza, a portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamou na mañá do sábado “blindar” o territorio galego e que se impidan as entradas e saídas.

Ana Pontón nunha rolda de prensa [Imaxe: Arquivo].
photo_camera Ana Pontón nunha rolda de prensa [Imaxe: Arquivo].

Nunha rolda de prensa retransmitida vía streaming, Pontón sinalou que a situación derivada do “notábel e preocupante incremento” de positivos por coronavirus require medidas "drásticas" como a "redución de circulación de persoas" e "evitar entradas e saídas" do territorio. Pide, así, blindar Galiza. Trátase dunha proposta que na noite da sexta feira anunciaba para Catalunya o president da Generalitat, Quim Torra.

Así, a dirixente nacionalista, tras a reunión do partido para abordar a situación da COVID-19, puxo de manifesto a importancia de "actuar para frear esta tendencia á alza". Afirmou que “como se evidenciou que a maioría de casos son importados doutras Comunidades", é necesario pensar en "reducir a circulación de persoas".

Pontón afirmou que "é importante adoptar medidas contundentes" para evitar chegar aos niveis que se rexistraron noutras partes do Estado. Ante a inminente chegada á Galiza de poboación "procedente de zonas de alto risco", como Madrid, o Bloque considera que sería oportuno "limitar a mobilidade" para frear a expansión.

O BNG asume que se trata de "medidas drásticas", pero apela á "responsabilidade" e as "garantías" coas que debe contar a cidadanía galega en termos de saúde pública. Engadiu que Galiza require "medidas adaptadas ás características propias do país", xa que existe unha "maior poboación de risco" debido ao envellecemento poboacional.

Medidas económicas

En canto á declaración do estado de alarma por parte do Goberno central e o anuncio do peche temporal de todo tipo de estabelecementos de lecer, Pontón puxo o foco en "adoptar as medidas necesarias" para "paliar as consecuencias económicas" que isto pode ter sobre os traballadores e traballadoras das empresas e autónomos.

Neste sentido, alertou dun “impacto económico brutal", polo que trasladou a súa preocupación polos autónomos e as pemes, ás que se lles deben facilitar "medidas de compensación económica" que garantan "rendas" aos traballadores e aos que rexentan o seu propio negocio.

“As persoas necesitan un salario para chegar a fin de mes", pero tamén deben garantirse "as condicións de traballo" e a "subministración de produtos". Sobre esta cuestión os dirixentes deben "fiar fino", xa que se trata dunha situación complicada. Pontón puxo o Bloque a disposición de todas as institucións, para "colaborar" en "conter esta situación".

"Non é momento de 'rifirrafes' políticos", senón de "actuar coa máxima lealdade", polo que "todas as institucións dirixidas polo BNG están a disposición" do Goberno. Neste sentido, o obxectivo é "redobrar esforzos" para "xerar certeza e evitar a angustia que pode sentir a poboación".

Pontón tamén trasladou o "orgullo" que sente e o "exemplo de responsabilidade, solidariedade e apoio" que está a demostrar a cidadanía galega. Lembrou o "exemplo" que están a dar os sanitarios públicos que "defenden o dereito á vida" nestes días de intenso traballo. Con todo, non quixo esquecer a outros sectores, "como o persoal que traballa en tendas de alimentación, farmacias ou gasolineiras" que se encargan de subministrar os produtos necesarios á poboación.

As cifras

De momento, son 112 os positivos na Galiza por coronavirus. Do primeiro falecemento con coronavirus informou na mañá do sábado a Consellaría de Sanidade. No conxunto do Estado español, as persoas contaxiadas superan as 5.700. Ademais, rexistráronse 134 falecementos.

Cre que Galiza debería blindarse perante o aumento de casos de coronavirus? Participa na enquisa.

Comentarios