O BNG reclama a consolidación laboral ao colectivo de investigadores

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de reclamar ao Goberno do Estado a consolidación dos investigadores e investigadoras de finalizar os programas Margarita Sala e María Zambrano.

Da Silva
photo_camera Carme da Silva intervindo na Cámara Alta. (Foto: Nós Diario)

Carme da Silva denuncia a “ausencia dunha consolidación laboral no sistema universitario” e advirte da “posíbel extinción dos programas Margarita Salas e María Zambrano”. Neste sentido, propón ao  “Goberno do Estado impulsar un plan de consolidación e estabilización laboral para as investigadoras e investigadores”.

A senadora nacionalista considera que “o Executivo ten unha débeda pendente” co colectivo de investigadores e reclama ao Goberno do Estado a comprometerse “coa ciencia e a investigación para que sexa un motor para outro modelo de desenvolvemento”.

A voceira do BNG na Cámara Alta sinala que “a aprobación de axudas como os  programas Margarita Sala e María Zambrano foron ben recibidas por parte da comunidade científica”. Porén, critica que “a xestión destas axudas foi bastante cuestionábel”

A dirixente nacionalista afea ao Goberno do Estado “a detracción das cotas á Seguridade Social dos seus salarios por parte das universidades” e  a “falta de estabilidade e consolidación laboral ao fin dos citados programas este ano”.

O colectivo estase a sentir defraudado e enganado ante a ausencia dunha verdadeira consolidación laboral no sistema universitario”, asegura Da Silva, quen critica que os programas non ofrecerán estabilización aos investigadores

Carme da Silva indica que os investigadores e investigadoras “agora comproban que non existía realmente ou que, polo que se ve, non se atopa este obxectivo entre os plans do Goberno”.

A senadora do BNG apunta que “o Ministerio de Ciencia e Universidades debe escoitar ás persoas afectadas que reivindican un plan para estabilizar os seus postos e á altura do traballo que desenvolven”.

A representante nacionalista conclúe que “o Goberno ten unha débeda pendente coas persoas investigadoras que confiaron nestes programas, que sufriron recortes nos seus salarios e pasaron vicisitudes mesmo ante os tribunais e que, agora, ven como non se lles ofrece unha estabilidade despois de prometer un programa de re cualificación do sistema universitario”   

Comentarios