O BNG responsabiliza a Xunta da "desaparición" da vivenda protexida

Fernández lembra que hai 18.000 demandantes
A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou o Goberno galego de “vender fume” en materia de vivenda protexida con anuncios que son "propaganda electoral" e que "non teñen credibilidade", após 14 anos do PP á fronte da Xunta. “O PP levou a vivenda protexida á practica desaparición na Galiza. O seu único mérito é colapsar a oferta mentres 18.000 familias agardan no Rexistro de Demandantes”, asegurou.

 Fernández tirou de datos para argumentar a falta de credibilidade dos anuncios do PP e, neste sentido, lembrou que antes da chegada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta da Galiza o ritmo de creación de vivenda protexida chegou a superar as 4.000 iniciadas nun ano. 

Fronte a esa cifra, as iniciadas en 2013 xa non pasaban do centenar, “e os datos foron a peor entre 2015 e 2018, nos que a oferta practicamente desapareceu”. En 2015 tan só se comezaron a construír cinco vivendas, unha máis que en 2006 e as mesmas que en 2017. Foi en 2018 cando se tocou chan, con tan só o inicio de dúas vivendas protexidas para toda a Galiza.

 “Nos últimos oito anos apenas se iniciaron no país 869”, criticou a deputada nacionalista, para quen “os resultados son tan malos” que ao PP “non lle queda máis que a propaganda”, como se referiu ao anuncio da conselleira Ángeles Vázquez de 737 novas vivendas para o vindeiro ano que fixo esta semana na comisión dos Orzamentos. Un anuncio que, dixo, chega tarde, é insuficiente e carece de credibilidade.

 Advertiu, ao respecto, de que a repunta orzamentaria en vivenda non é mérito da Xunta da Galiza, senón que se explica nos fondos condicionados que chegan do Estado e da Unión Europea. Hai un aumento nas partidas, recoñeceu, mais é “anecdótico”, tendo en conta o “enorme problema de acceso á vivenda” que existe na 

actualidade. Con 18.000 familias galegas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, o PP ten tamén nesta materia “as mans baleiras”, insistiu Alexandra Fernández.

Comentarios