ANÁLISE DO TABOLEIRO

Candidatura galega: Podemos non pode

Naturalmente todo pode dar mil voltas aínda nos meses que restan até as xerais de Novembro/Decembro, mas a estas alturas hai un dado que fica incontornábel: Podemos non ten vontade política para renunciar ao seu autoproclamado rol de partido vangarda do pretenso asalto ao réxime do 78.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Nestes meses viuse claro que a dirixencia de Podemos -e non só a dirixencia de Podemos, véxanse as declaracións a Ser Galiza de Yolanda Díaz- se concibe a si propia como o actor principal do cambio político no Estado. Esa autopercepción leva a Podemos a postular unha fórmula eleitoral marcada pola súa iconografía: a súa marca -as súas siglas- ten que ir si ou si. A dos demais é prescindíbel. Os símbolos en política, é cousa sabida, sono todo. O que nos din os de Podemos con isto é que eles son os que levan a voz cantante e que o resto se tal pode asumir a función de facer os coros.

Isto ten lóxica se nos atemos a que basicamente hoxe Podemos é unha máquina eleitoral que quer optimizar os seus caladoiros de votos e que ten como principal obxectivo desprazar o PSOE, unha vez liquidada IU, como principal referente da esquerda. A desagregación territorial -non concorrer como Podemos en todo o Estado- debilitaría as opcións da organización face un PSOE que, non o esquezamos, é a única forza política relevante que mantén o E de español nas súas siglas (e, se ficar calquer dúbida, lembremos o bandeirón de España co que se apresentou Pedro Sánchez no acto da súa proclamación como candidato á Moncloa). Na España española Podemos perdería votos se non fose capaz de manter a súa condición de partido estatal en todo o territorio, interpretan Iglesias e Errejón.

Catalunya xoga noutra liga e alí o obxectivo do combo de Pablo Iglesias xa non é desprazar o PSC (xa convenientemente pasokizado), mas si frear o independentismo

Dirase que en Catalunya Podemos ten unha outra aproximación a este asunto. Certo. Mas Catalunya xoga noutra liga e alí o obxectivo do combo de Pablo Iglesias xa non é desprazar o PSC (xa convenientemente pasokizado), mas si frear o independentismo, para o cal, obvio é, é táctica moito máis intelixente comparecer non co rosto propio, senón dicendo que si que se pode, Catalunya Sí Que es Pot.

En calquer caso, Podemos é antes que nada un proxecto para o conxunto do Estado, un proxecto para a continuidade de España como Estado unitario. Esta mesma segunda feira, o secretario xeral podemita en Euskadi, Roberto Uriarte, afirma nunha entrevista en El País que "traballamos en alternativas para que os vascos se sentan cómodos dentro dese Estado". Esas alternativas pasan pola consabida retórica plurinacional que gasta a súa dirixencia - sabedora de que as condicións para unha ruptura co 78 están a día de hoxe moi verdes, dada a resistencia do bipartidismo- e por persuadir os sectores menos conscientes do soberanismo que outra España é posíbel, xa veremos cando.

Mas voltemos a Galiza. Aquí e agora o debate sobre a constitución dunha candidatura de unidade nacional galega vaise decantando con clareza, nomeadamente após o espaldarazo dado o domingo 23 de Agosto polo Banquete de Conxo á constitución dun grupo parlamentar galego soberano no Congreso. Que posición ten ao respeito Podemos? Pois seguramente a única posición que, dada a súa lóxica de forza estatal, pode ter: a de fixar como liña vermella o mantimento da súa marca en todo o territorio -portanto, tamén na Galiza- e a da súa resistencia a que o seu grupo parlamentar se fraccione (Iglesias e Errejón non conciben a hipótese de que a súa xente poda estar en dous ou tres grupos parlamentares distintos).

Podemos en 2015 nen sequer está en condicións de conceder o que si o PSOE -co grupo parlamentar do PSC- outorgou até a involución de 1982

E aquí chegamos a unha cuestión chave, polo simbólico. Podemos en 2015 nen sequer está en condicións de conceder o que si o PSOE -co grupo parlamentar do PSC- outorgou até a involución de 1982. O grupo parlamentar galego só será posíbel se as distintas forzas políticas que o respaldan acceden a que sexa o froito dunha candidatura con personalidade xurídica propria, ou sexa, dun partido instrumental que se presentaría como tal ás eleccións. Podemos ese cenario nen o contempla. Podemos non contempla a opción de non presentarse como tal -como tal en solitario ou como tal en coligación coa Marea- na Galiza.

Ou sexa, Podemos non pode, está preso da súa concepción de si propia como forza política de ámbito estatal.

PD: Estamos a 24 de agosto de 2015. As eleccións son en Novembro. A partida é moito longa e calquer cousa pode acontecer nos próximos meses. Os inquéritos poden ter a última palabra e a tendencia dos últimos é má para Podemos. Por que? Avanzaríamos tres razóns que o explican: a) o racionamento da dose televisiva de Pablo Iglesias b) o fracaso da vía reformista de Syriza -o seu parceiro internacional máis identificábel- en Grecia e c) o enroque de Podemos na defensa das súas siglas e da súa marca, visto como sectarismo por largos sectores da esquerda política e social no conxunto do Estado.

Comentarios