Carme Adán acusa a Feijóo de discriminar Vigo en materia xudicial

O BNG lembra que a Xunta incumpriu a promesa de construír unha Cidade da Xustiza na urbe nesta lexislatura.
Carme Adán e Santiago Domínguez
photo_camera Carme Adán e Santiago Domínguez

Diante dos xulgados de Vigo déronse cita esta quinta a candidata número 2 do BNG por Pontevedra, Carme Adán, e o portavoz municipal, Santiago Domínguez, para “denunciar a discriminación de Vigo a respecto doutras cidades de Galiza en materia xudicial ”. Os representantes da formación nacionalista tamén criticaron “o incumprimento de Feijóo a respecto da posta en marcha da Cidade da Xustiza na cidade ao longo desta lexislatura”.

Segundo Carme Adán, o PP de Feijóo “discriminou a Vigo fronte a outras cidades como Pontevedra, A Coruña ou Ourense, que si terán nova sede xudicial, mentres esta cidade quedará á cola na materia pola ausencia dunha infraestrutura longamente demandada polo BNG e que supón unha necesidade apremiante para garantir o bo funcionamento dos diferentes xulgados da cidade, a máis saturada de Galiza neste aspecto”. “Debatemos sobre isto no Parlamento varias veces, pero parece que non a queren facer, é unha especie de Expediente X”, engadiu Adán.

Pola súa parte, Santiago Domínguez subliñou que “a competencia en materia xudicial corresponde á Xunta, e non ao concello, polo que é a administración autonómica a que ten que velar pola existencia das instalacións xudiciais”. “O problema non é a posta a disposición dos terreos, senón o pago das expropiacións e a este respecto noutras cidades houbo acordo, pero en Vigo a Xunta nin quixo negociar, sendo unha obra de ámbito supramunicipal”, explicou o concelleiro nacionalista, que rematou a súa intervención insistindo en que “a lexislatura acabou e Vigo non ten a dotación prometida por Feijóo”.

Comentarios