CIS de xuño: o PSOE perde forza mais fica á cabeza e o BNG experimenta unha importante suba

O PP sitúase un punto por baixo do PSOE segundo unha enquisa na que o BNG gañaría tres décimas en só un mes.
Hemiciclo do Congreso cos resultados do CIS de xuño superpostos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press / ContactoPhoto)
photo_camera Hemiciclo do Congreso cos resultados do CIS de xuño superpostos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press / ContactoPhoto)

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de xuño, dado a coñecer esta quinta feira, repite co PSOE en cabeza con 31,7% de estimación de voto, pero perde até catro puntos nun mes e a súa vantaxe sobre o PP redúcese a só un punto. O BNG, pola súa parte, medraría tres décimas, até o 0,9%, a respecto do barómetro de maio.

A enquisa realizouse nos días previos ás eleccións europeas do 9 de xuño, que gañou o PP con catro puntos de vantaxe sobre o PSOE, pero no barómetro non se aprecia unha suba do PP, xa que o CIS lle outurga un 30,7%, moi similar á enquisa do mes anterior. Na terceira praza consolídase Vox, que sobe até 12,1% e xa saca máis de tres puntos á coalición Sumar, á que se atribúe un apoio de 8,8%. E estréase no barómetro a agrupación Se Acabó La Fiesta, de Luis 'Alvise' Pérez, con 1,5%.

 

Ao preguntar ás persoas enquisadas a quen votarían se as eleccións estatais fosen mañá mesmo, unha de cada catro (24,9%) xa adianta o seu apoio ao PSOE, fronte ao 20,2% que ten decidido votar ao PP. Moi lonxe quedan Vox e Sumar, con 8,6 e 6,7%, respectivamente. Iso si, un 12,8% non sabe a quen votaría, un 4,3% prefire non contestar e un 6,8% estaría na abstención.

Con esta pregunta de intención directa de voto e as respostas ao conxunto do cuestionario, o CIS conclúe que o PSOE gañaría unhas novas eleccións no Estado cun respaldo de 31,7%, o mesmo que tivo nos comicios de 2023 e case catro puntos menos que na enquisa de hai un mes, cando marcou récord nos barómetros da lexislatura con 35,5%.

Esa caída reduce a só un punto a vantaxe de catro puntos que sacaba o PSOE o mes anterior e os nove que tiña na sondaxe flash que realizou de urxencia o CIS nos días de reflexión de Pedro Sánchez. Pero o PP apenas crece, pois en xuño aparece cunha estimación de voto de 30,7%, apenas tres décimas por riba do dato de maio e por baixo do 33,05% co que gañou as eleccións do ano pasado.

Quen máis sobe é Vox, que marca o seu mellor dato no CIS cunha estimación de 12,1%, dous puntos máis que o mes anterior e achegándose ao 12,4% que obtivo nas estatais de xullo de 2023. E non lle resta forza Se Acabó La Fiesta que nas europeas sacou 4,6% de votos e tres escanos e que se estrea nun barómetro do CIS con 1,5%.

Pola súa parte, Sumar medra oito décimas nun mes e fica no 8,8%, mentres que Podemos, que neses días defendía a candidatura da ex ministra Irene Montero ás europeas, tamén sobe 1,4 puntos e chega a 3,6%.

En canto aos partidos de ámbito territorial, en contra do ocorrido nas eleccións catalás e nas europeas, o CIS mantén ERC por diante de Junts, con 1,8% fronte ao 1,6% dos de Carles Puigdemont. Do seu lado, EH Bildu segue por diante do PNV con 1,1% e 0,9% respectivamente.

Comentarios